O persoal de limpeza do hospital de Conxo denuncia que nin ten EPIs nin o mesmo protocolo que o persoal sanitario

Demandan equipos de protección e o acceso ás probas do COVID como o resto do persoal
Compostela - 21 Abr 2020

O persoal do servizo de limpeza do hospital provincial de Conxo denuncia a falta de equipos de protección; rexeita ser considerado de baixo risco, cando desenvolven a súa actividade nos mesmos espazos que o persoal sanitario e alerta de que non se lle aplican os mesmos protocolos en caso de contaxio por COVID-19 (ou indicios de que o houbera), nin sequera á hora de facerlles os tests.

A presidenta do comité de empresa e representante da CIG, Carmen Cambón, asegura que o hospital de Conxo, reservado incialmente como hospital ‘limpo’ de contaxios por coronavirus SARS COV-2, “agora ten unha tremenda cantidade de doentes contaxiados” porque alí se foron derivando do Hospital Clínico ata 3 ou 4 persoas infectadas diarias ou con síntomas compatibles. Doentes que “están ingresadas/os ocupando até 3 persoas unha habitación, unhas con síntomas, outras sen eles”, nas plantas de cirurxía interna ou onde hai persoas maiores con outras doenzas.

Cambón manifesta que “as traballadoras estamos moi preocupadas”, porque carecen de equipos de protección axeitados. Lembra que “o SERGAS requisou o que tiña a empresa” e que agora a concesionaria non ten forma de acceder a eles. Por iso denuncia que malia terllos demandado ao CHUS este elude a súa responsabilidade argüíndo que é unha empresa privada externa e que é, polo tanto, á concesionaria a que lle corresponde entregarlles o material necesario. Ante isto, a presidenta do comité responde taxativamente, “levo 34 anos traballando no hospital e que alguén se atreva a dicirme para que empresa traballo ou a que empresa pertenzo”.

Protocolos, tests e medidas de prevención

Xunto coa falta de EPIs, o persoal do servizo de limpeza denuncia que se lle aplica un protocolo diferente ao do persoal sanitario, co que comparten espazo, e que son consideradas persoal de baixo risco. Por iso a presidenta do comité demanda “que nos expliquen como imos facer a limpeza dun cuarto con 3 persoas ingresadas, das camas, das mesiñas, das cabeceiras… sen achegarnos a menos dun metro das/dos doentes. Imos ter que pedir que nos alonguen os brazos”.

O comité denuncia ademais que precisamente por non se lle aplicar o mesmo protocolo que ao persoal do SERGAS, en caso de síntomas ou de indicios de posible contaxio, para facer os tests teñen que seguir as vías ordinarias, o que converte a estas traballadoras e traballadores en posibles transmisoras da enfermidade, porque nin sequera se toma a precaución de illar a quen estivo en contacto cunha persoa contaxiada, e moito menos ao persoal co que comparte quenda. “Non só podemos contaxiar a outras persoas ingresadas ou ás nosas compañeiras e compañeiros, senón tamén ás nosas familias”, advirte.

Xunto a isto, Carmen Cambón subliña que o persoal de limpeza hospitalaria é indispensable para que o centro sanitario poida funcionar con normalidade. Denuncia que, malia a importancia que ten o seu traballo sempre, pero máis aínda agora, ante o incremento de carga de traballo porque “temos que repasar até tres ou catro veces por quenda repisas, bancos, picaportes, ordenadores, pero seguimos sendo as mesmas, porque non se lles ocorreu que sería necesario reforzar o servizo”.

Cambón reclama que os servizos de limpeza “deixen de ser invisibles”, que deixe de ser considerado persoal externo, que se lles apliquen os mesmos protocolos, que se lles proporcionen EPIs axeitados para desenvolver o seu traballo con todas as garantías de seguridade e, sobre todo, que se lles fagan os tests para evitar que a enfermidade poida seguir espallándose.

Persoal de limpeza do Hospital Clínico

Con todo a situación do persoal de limpeza do Hospital Provincial de Conxo non é exclusiva dese centro de traballo. O mesmo ocorre co do Hospital Clinico, onde o servizo está concesionado a Grupo Norte. “Temos a mesma problemática cos EPIs, os test e a política de illamento do persoal con posible contaxio”, sinala Pilar Seoane, presidenta do comité.

A diferenza é que aquí xa ten actuado Inspección de Traballo o que obrigou á empresa a actualizar  algún protocolos de traballo, “aínda que a súa posta en práctica está lonxe do que sería desexable”, matiza a presidenta do comité que lembra que “para que se cumpran temos que estar permanentemente enriba da empresa, as representantes sindicais”.

En ambos os casos presentáronse denuncias perante a Inspección de Traballo, que foi a única que contestou, a consellaría de Sanidade e a subdelegación do Goberno, administracións das que esperan noticias á maior brevidade posible.