O persoal de limpeza dos hospitais pontevedreses protestará polo despido dunha compañeira tras unha baixa

O comité de Acciona denuncia que a concesionaria rescindiulle o contrato coa escusa de “baixo rendemento”
Pontevedra - 21 Nov 2022

O cadro de persoal de Acciona, concesionaria do servizo de limpeza dos hospitais Provincial e Montecelo de Pontevedra, anunciou a convocatoria de mobilizacións para rexeitar o despedimento disciplinario dunha compañeira por “baixo rendemento” tras volver dunha baixa médica de longa duración. As protestas desenvolveranse martes e xoves diante dos dous centros médicos a partir das 10:00 horas, tal e como anunciou o comité de empresa en rolda de prensa.

Dende a representación sindical, con presenza da CIG, CCOO e UGT, consideran que con esta rescisión de contrato Acciona pretende amedrentar os traballadores/as para evitar na medida do posíbel que collan baixas e lembran que a empregada despedida non tivo sequera un apercibimento por parte da dirección. “É máis, durante a pandemia mesmo foi felicitada por Medicina Preventiva e polo Sergas polo seu labor”, sinalan na CIG-Servizos de Pontevedra. 

As protestas serán os martes e os xoves diante do Provincial e de Montecelo ás 10h

Por iso sospeitan que con esta decisión a empresa aproveita tamén para aforrar custes salariais mediante a amortización da súa praza, tendo en conta que no prego de condicións do servizo non figura o persoal mínimo que hai que ter para levar a cabo a limpeza. “Ademais, a traballadora ten unha antigüidade de cinco anos, polo que lles sae barato despedila”.

Finalmente, censuran que a concesionaria non tivese respondido a súa solicitude de entrevista para abordar o despido, ao tempo que reclaman a intervención do xerente da Área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés no conflito. “No caso de que a afectada non sexa readmitida no seu posto non descartamos mesmo unha convocatoria de folga”, rematan.