O persoal de Linorsa en Ourense continuará este mércores coas mobilizacións tras as ameazas do alcalde polas protestas

O rexedor incumpriu o compromiso de entregar copia do escrito remitido polo administrador xudicial a un banco para depositar os salarios
Vigo - 24 Mai 2016
O persoal ourensán de Linorsa, concesionaria da limpeza en dependencias públicas, continuará este mércores coas mobilizacións ás portas do Concello para reclamar a rescisión do contrato coa empresa e o cobro dos salarios pendentes. O alcalde da cidade, que chegou a ameazar ás traballadoras/es con sancións polas protestas de hoxe, comprometérase co comité a entregar unha copia do escrito remitido polo administrador xudicial a un banco para depositar o diñeiro.

As empregadas e empregados de Linorsa en Ourense volverán concentrarse este mércores día 25 diante da casa consistorial a partir das 10.00 horas convocadas polo comité de empresa (CIG, CCOO e UGT) para reclamarlle ao Goberno local a rescisión do contrato coa compañía, que lles adebeda catro meses de salario.

Segundo explican dende a central nacionalista, no día de hoxe o alcalde, Jesús Vázquez, do PP, comprometérase ante o comité a entregar unha copia do escrito remitido polo administrador xudicial de Linorsa -que se atopa en concurso de acredores- a un banco para depositar o diñeiro.“Ante o incumprimento do rexedor, que chegou a ameazar ás traballadoras/as con sancións pola protesta de hoxe, continuarán as mobilizacións”.

Finalmente, a CIG denuncia a situación de total desamparo que padecen as empregadas/os como consecuencia da pasividade do alcalde, ao que lle reclaman unha solución inmediata ao conflito laboral.