O persoal de Linorsa en Vigo e Pontevedra iniciará mobilizacións para esixir pago de salarios e extras pendentes

As traballadoras/es decidiron en asemblea reclamarlles ás administracións públicas que rescindan os contratos coa empresa

Vigo -

O persoal de Linorsa, adxuducataria do servizo de limpeza en numerosas administracións públicas, iniciará un calendario de mobilizacións en Vigo e Pontevedra para esixir o pagamento dos salarios e das pagas extras que a empresa lles adebeda. Ademais, as traballadoras/es decidiron en asemblea remitirlles cartas ás distintas administracións para que rescindan os contratos coa compañía.

A decisión de mobilizarse foi adoptada nas asembleas celebradas pola CIG, CCOO e UGT en Vigo e Pontevedra, nas que participaron máis de 280 persoas, despois de que a empresa non ingresase a paga extra de Nadal e abonase unicamente o 50% do salario das traballadoras/es pontevedresas/es.

Ao persoal do resto de provincias galegas e ao do conxunto do Estado aínda lles adebeda a práctica totalidade do soldo, como tampouco liquidou os atrasos do convenio de limpeza de Pontevedra correspondentes aos anos 2014 e 2015.

A representación dos empregados/as púxose en contacto coa dirección para saber os motivos da falta de pago, “contestándonos que o ían intentar”, segundo eplican dende a CIG-Servizos. Mais o 29 de decembro a empresa comunícalles que Facenda lle bloqueou as contas, polo que só puideron pagar a metade do salario do persoal pontevedrés.

Diante disto, as tres centrais con representación na compañía decidiron convocar asembleas para analizar a situación e informarlles ás traballadoras/es que Linorsa ten unha débeda con Facenda de 1,9 millóns de euros. O organismo público reclama o pago desta cantidade e non acepta patrimonio da empresa para a súa liquidación. “Entón Linorsa di que vai pedir un aval bancario en función dos contratos que ten coas administracións públicas”.

Mais o persoal entende que deste xeito non se van solucionar os problemas de pagamento e acordou mandar escritos ás distintas administracións públicas para que rescindan os contratos coa empresa para que outra compañía poida facerse cargos dos servizos de limpeza. Ao mesmo tempo, apostan por iniciar un calendario de mobilizacións que comezará este martes día 19 na lonxa do Concello de Vigo ás 11.00 horas e continuará no pleno municipal da cidade previsto para o luns 25.

Con todo, para o venres 22 hai fixada unha nova xuntanza entre a representación do persoal e a dirección de Linorsa na que as centrais teñen previsto solicitar diversa documentación, como os balances económicos, co obxectivo de coñecer a situación real da compañía.

NOVAS RELACIONADAS:

Linorsa reincide nos incumprimentos salariais e non pagou a extra de decembro a parte do persoal

Proseguen protestas do persoal de Linorsa polos reiterados incumprimentos no pago dos salarios

Intensifícanse as mobilizacións do persoal de Linorsa polos atrasos no pago dos salarios

Volver