O persoal de Losán concéntrase en Teixeiro para reclamar un plan de viabilidade, o cobro dos salarios e a implicación das administracións
Traballadores e traballadoras de Losán concentráronse na mañá deste mércores diante da Casa do Concello de Curtis para reclamar un plan de viabilidade que garanta a continuidade dos empregos e da actividade industrial, o cobro inmediato de todas as nóminas pendentes e a implicación das administracións no futuro das plantas que a empresa ten en Galiza.
A protesta insírese no calendario de mobilizacións que o persoal está a desenvolver dende hai meses en resposta aos reiterados impagos, á parálise produtiva e á manifesta incapacidade da dirección da empresa para atopar unha solución, tendo en conta que o 28 de abril remata a prórroga previa á entrada no concurso de acredores.
A concentración convocouse, ademais, aproveitando que hoxe era día de feira en Teixeiro para informar a veciñanza das situación das factorías e demandarlle a súa solidariedade.
O presidente de Industrias Losán, Xosé Anxo Sánchez, lembrou que son preto de 200 postos de traballo directos os que están en xogo, nunha zona rural con escasas alternativas laborais, e as serias dificultades que atravesan as traballadoras e traballadores do grupo, que levan sen cobrar os soldos dende o mes de novembro.
“Estamos aquí para exixir un plan de viabilidade real e con futuro para as fábricas de Curtis e Vilasantar e para reclamar a constitución dunha mesa negociadora con presenza de todas as partes implicadas: Xunta, SEPI, Concellos, empresa e comités, porque nós temos moito que achegar nese plan”, aseveraba o presidente de Industrias Losán, Xosé Anxo Sánchez.
Valorou a utilidade das medidas de presión do persoal “porque por primeira vez, a Xunta comunicounos que vai intentar convocar esa mesa -que agardamos que non quede nunha simple intención-, e a empresa tamén se puxo en contacto co comité para informar que a próxima semana nos trasladará o seu plan de viabilidade”.
Neste senso, e logo do fracaso do denominado ‘plan A de reestruturación’ que contemplaba a entrada dun investidor, Sánchez xa advertiu que, se finalmente Losán non presenta un proxecto realista, con garantías e de futuro “seguiremos coas mobilizacións até acadar unha solución definitiva que evite a entrada no concurso”.