O persoal de Losán reclama solucións urxentes tras catro meses sen cobrar e sen un plan de viabilidade
Os traballadores e traballadoras de Industrias Losán concentráronse este xoves diante das oficinas que o grupo empresarial ten na Coruña para exixir o cobro inmediato dos seus salarios e información concreta sobre o futuro dos empregos e a da actividade produtiva. Deste xeito, o persoal dá continuidade ao calendario de mobilizacións iniciado ante o impago reiterado dos salarios e a incapacidade da dirección para resolver o crítico estado financeiro do grupo.
“Levamos catro meses sen cobrar, camiño de cinco, e non vemos solución. Estamos nunha tesitura que nos afoga, as familias non poden máis", así resumía o presidente do comité de Industrias Losán (Curtis) a dramática situación que están a vivir as traballadoras e os traballadores dunha compañía que chegou a ser a segunda industria máis importante do Estado no sector da madeira.
Xosé Anxo Sánchez denunciou que o persoal non ten constancia de ningún plan de viabilidade que garanta a continuidade dos preto de 200 empregos directos que xeran as fábricas de Curtis e Vilasantar e a última información transmitida pola dirección refírese "a que están elaborando un plan de reestruturación da débeda" que a próxima semana presentarán no xulgado do mercantil.
Lembrou que o 28 de abril remata o prazo de prórroga para a entrada no concurso de acredores, e a dirección xa avanzou que o máis probábel é que se chegue á data límite antes de achegar alternativas. “Nós non podemos aguantar até abril sen cobrar. Hai que buscar unha solución inmediata”, aseverou Sánchez.
Criticou que malia o Congreso apoiar a resolución do BNG para pedirlle ao Goberno do Estado, a través da SEPI, máis involucración e que participe no deseño dun plan de viabilidade, e do apoio trasladado pola Consellaría de Industria, neste intre "non temos garantías de mantemento dos empregos nin de recuperar a actividade produtiva nas fábricas".
"Precisamos xa dunha solución, a dirección demostrou que non ten capacidade para sacar esta industria adiante e as administracións deben actuar, non basta con declaracións institucionais", reiterou. O presidente do comité incidiu en que se trata dun sector estratéxico e que xera un importante volume de emprego directo en zonas rurais onde as alternativas son escasas. Por iso reivindicou unha implicación real e seria das administracións e traballar nun plan de viabilidade de futuro.
Sobre as próximas mobilizacións, Sánchez indicou que o persoal estuda novas accións “que terán que ser máis contundentes porque alguén ten que coller o temón e pór a funcionar esta industria, que antes era viábel e que chegou a esta situación por unha pésima xestión da dirección”.