A loita do persoal de Lousame e Albada posibilitou convenios dignos

A mobilización serviu para conquistar dereitos e frear recortes

A Coruña -

Os dereitos non os regala ninguén. Ben o saben as traballadoras e traballadores das plantas de tratamento de residuos de Lousame e Nostián, que tiveron que mobilizarse para ver recoñecidos os seus dereitos.

Na planta da Mancomunidade de concellos da Serra do Barbanza, situada en Lousame, o persoal reclamaba a inclusión no convenio dun plus de tóxicos do 25% para todas as traballadoras e traballadores, cumpríndose así o que establece a norma legal. Dese xeito, os seus salarios achegaríanse aos do persoal das plantas de Sogama, que cobraba un 45% máis, ou ao da planta de Albada, que cobraban un 16 ou 17% máis.

Foron necesarias concentracións, a convocatoria dunha xornada de paro e a disposición do persoal a ir á folga durante todo o Nadal para que a empresa atendese as súas demandas. Co acordo, as categorías máis baixas teñen un incremento salarial, xa durante este ano, de 110 euros ao mes. Suba que chegará ao 14% en catro anos e que vai acompañaba doutros beneficios sociais.

Marcha atrás da empresa

Na planta de Nostián (A Coruña), a presión e as mobilizacións dos traballadores e traballadoras logrou que a empresa concesionaria, Albada, do Grupo Urbaser, non puidese aplicar o seu brutal paquete de recortes (ERTE, modificación das condicións laborais e inaplicación do convenio), ao tempo que obrigou o Goberno municipal a intervir a planta para paralizar todas estas lesivas medidas.

En ambos os casos demostrouse que a mobilización é o camiño para defender os nosos dereitos e que, no ámbito dos servizos públicos, a mellor garantía para o emprego e para as condicións sociolaborais pasa pola xestión directa.

Volver