A representación da CIG no Grupo Subus ten convocada folga para os días 7, 14 e 28 de agosto en resposta aos reiterados incumprimentos da empresa e á pasividade das administracións competentes ante a precariedade n que se presta o servizo de transporte en autobús na comarca do Baixo Miño e sur de Vigo. Para darlle máis visibilidade ás súas reivindicacións, o persoal concentrarase este venres ás 10:00 horas diante da sede da empresa no Porriño (Polígono industrial da Granxa, parcela 3-4) mentres que os días 14 e 28 levarán as protestas á estación de autobuses de Vigo.
“Levamos anos denunciando incumprimentos laborais, deficiencias organizativas e problemas que afectan directamente ás condicións de traballo e á seguridade do servizo”, denuncia a representación da CIG. Sinalan que moitas destas eivas xa foron obxecto de actuacións e sancións por parte da Inspección de Traballo, “sen que iso supuxese unha corrección efectiva das prácticas denunciadas”.
Mentres tanto, a empresa LUGOVE (Subus-Vectalia) continúa ignorando as reivindicacións do persoal e respondendo ao incremento das incidencias cunha política baseada en expedientes disciplinarios, sancións e mesmo no despedimento dun compañeiro que entenden como unha represalia por reclamar os seus dereitos laborais.
“A representación da CIG consideramos este despedimento absolutamente inxustificado, desproporcionado e un grave ataque á liberdade sindical e ao exercicio dos dereitos das persoas traballadoras”, aseveran. Neste senso, critican que lonxe de solucionar os problemas estruturais do servizo, “a empresa parece optar pola intimidación e a represión de quen denuncia os incumprimentos e esixe o respecto da legalidade”.
Ao mesmo tempo, lamentan que a lentitude coa que avanzan os procedementos administrativos e xudiciais “provoca que situacións denunciadas desde hai anos continúen producíndose con absoluta normalidade, xerando unha sensación de impunidade que resulta incompatíbel coa prestación dun servizo público destas características”.
Anos de queixas e denuncias
A representación da CIG no Grupo Subus xa remitiu hai uns meses un comunicado á Xunta de Galiza, aos concellos afectados, aos centros educativos, ás ANPA e a outras entidades implicadas alertando da grave deterioración das condicións nas que se presta o servizo público de transporte de persoas viaxeiras nestas comarcas e, moi especialmente, o transporte escolar.
Malia ser un problema que afecta non só aos dereitos do persoal senón tamén á seguridade e á calidade dun servizo esencial, só as plataformas veciñas e as ANPA amosaron o interese. Para a representación da CIG resulta incomprensíbel “que a maioría dos concellos e dos centros educativos non considerasen oportuno poñerse en contacto coa representación legal do persoal para coñecer de primeira man a situación denunciada".
Consideran que esta grave falta de interese por parte das administracións “transmite unha mensaxe moi preocupante á cidadanía: que as condicións nas que se presta este servizo non constitúen unha prioridade mentres continúe funcionando”.
Ante esta situación e “despois de anos apostando polo diálogo, presentando propostas e acudindo a todas a vías legais e administrativas, vémonos na obriga de convocar folga. A nosa prioridade sempre foi resolver os conflitos mediante a negociación e evitar prexuízos, pero cando a empresa a as administracións optan pola inacción, o persoal queda sen outra alternativa que defender os seus dereitos e a seguridade do servizo mediante a mobilización”.
Chamamento á responsabilidade da empresa e da Xunta
A este respecto, aclaran que está na man da empresa LUGOVE evitar a materialización desta folga “se abandona a súa actitude actual, cumpre coa legalidade e adquire compromisos reais, concretos e verificábeis para corrixir os incumprimentos e garantir e unhas condicións laborais e de prestación do servizo acordes á normativa vixente”.
Finalmente, a representación da CIG fai un chamamento á empresa, á Xunta de Galiza e ao resto de administracións para que asuman a súa responsabilidade e actúen con dilixencia, máis aínda cando está próxima a renovación da concesión do servizo.
“Resulta imprescindíbel que se valore con rigor se a empresa está a cumprir súas coas obrigas na xestión dun servizo público esencial”, reiteran. Porque a “cidadanía merece un transporte público seguro, de calidade e prestado con todas as garantías, e as persoas traballadoras non poden seguir soportando unha situación que compromete tanto os seus dereitos como a propia seguridade do servizo”.