O persoal de Maderas Iglesias convoca unha manifestación para forzar a Xunta a implicarse “dunha vez por todas”

Clama por unha solución á crise da empresa antes de que saian a poxa xudicial os terreos do Porriño

O Porriño -

O cadro de persoal de Maderas Iglesias, empresa do Porriño que atravesa unha situación crítica, convoca unha manifestación este xoves 1 de outubro para forzar a Xunta a implicarse “dunha vez por todas” na busca dunha solución que garanta o mantemento da actividade industrial e dos empregos.

Dende o comité de empresa, presidido pola CIG, levan tempo alertando de que a compañía dedicada á fabricación de tarima flotante “ten os días contados” no caso de que saian a poxa xudicial os terreos que acollen unhas instalacións nas que traballan 148 persoas, tal e como decretou o Xulgado de Instrución número 3 do Porriño. 

A marcha sairá da empresa ás 11:00 horas e rematará diante do Concello

Por iso nas últimas semanas a representación do persoal intensificou as xestións institucionais na busca de apoios entre os Gobernos locais das vilas de orixe das traballadoras/es, ao tempo que optou por convocar novas protestas. A próxima terá lugar este xoves cunha marcha a pé que arrincará da empresa ás 11:00 e rematará diante do Concello porriñés.

Coa protesta tamén queren denunciar o papel que está a xogar a Xunta en todo o proceso, xa que hai 15 días comprometeuse a que se ía a poñer en contacto coa representación do persoal “e aínda estamos agardando”. Entenden que o Goberno galego ten que dar “un paso á fronte dunha vez por todas porque o tempo estase a esgotar e a empresa corre o risco de desaparecer”.

Falta de compromiso

Neste senso, lamentan a “falta total de compromiso” tanto da Consellería de Industria como do Igape, “que están deixando morrer unha compañía galega que foi punteira a nivel mundial no sector da madeira e que chegou a empregar a 800 traballadoras/es, a maioría mulleres”.

De feito, lembran que a día de hoxe Maderas Iglesias aínda segue a ser unha das firmas de maior dimensión da comarca, e o seu cadro de persoal segue a estar maioritariamente integrado por mulleres, “moitas delas con moitos anos de antigüidade na empresa e que quedarían nunha situación moi complicada”.

Volver