O persoal de Maderas Iglesias convoca unha nova protesta para forzar unha solución á crise da empresa

Percorrerá as rúas de Vigo este xoves día 12 ás 12:00 horas dende o cruce de Colón até a Xunta

O Porriño - Vigo - O Porriño -

O cadro de persoal de Maderas Iglesias, compañía do Porriño dedicada á fabricación de tarima flotante que se atopa en risco de desaparecer como consecuencia das débedas contraídas e da falta dun proxecto empresarial solvente, convoca unha nova manifestación en Vigo para forzar unha solución definitiva que permita o mantemento da actividade industrial e de todos os postos de traballo. A marcha a pé dende o cruce de Colón até a Xunta terá lugar este xoves día 12 ás 12:00 horas.

A enésima mobilización das traballadoras/es de Maderas Iglesias nos últimos anos chega tras a última xuntanza celebrada entre o comité de empresa e o Igape para abordar o futuro da fábrica, que como en anteriores ocasións rematou sen que se concretase ningunha solución á grave crise que atravesa unha empresa que chegou unha das principais compañías do sector a nivel europeo e que chegou a empregar a arredor de 800 persoas.

Por iso dende o cadro de persoal insisten en presionar a Xunta para que se comprometa de xeito definitivo co futuro da empresa, sobre todo despois de que o Partido Popular veña de vetar no Parlamento galego unha proposta para que o propio conselleiro de Industria mantivese unha xuntanza co comité.

Volver