O persoal de Maderas Iglesias demanda o apoio do Parlamento para garantir os postos de traballo

Representantes sindicais da empresa do Porriño, que atravesa unha situación crítica, reuníronse cos grupos políticos e co IGAPE
Compostela - 28 Dec 2017

O persoal da empresa de Porriño Maderas Iglesias, trasladou a Compostela as súas demandas. A primeira hora da maña representantes das traballadoras/es mantiveron un encontro con representantes dos grupos políticos no Parlamento de Galiza e posteriormente intentaron reunirse co IGAPE, que só recibiu a 7 representantes do comité, pero non permitiu que participaran na xuntanza nin alcaldes/as, nin asesores/as das organizacións sindicais.

O pasado día 12 de decembro comezaron as negociacións entre a representación das traballadoras/es e a dirección da empresa. Segundo explica o presidente do comité, Vicente Morales, da CIG, Maderas Iglesias puxo sobre a mesa a liquidación de 140 postos de traballo dos 249 cos que conta na actualidade, ou a liquidación de todos, se esta proposta non se acepta. “A empresa dá un prazo do 12 ao 30 de xaneiro para chegar a un acordo, pero non garante que vaia cumprir. Como lle dis a un traballador: vaste e cobrarás ou non? Iso é inviábel”.

Por iso trasladaron hoxe a súa protesta e demandas ao Parlamento de Galiza. “Queremos salvar a empresa e garantir os postos de traballo”, explicou a representante da CIG Enriqueta García. “Queremos no Parlamento que nos apoien, que haxa un compromiso político, porque  somos a maioría mulleres que estamos nunha idade moi crítica. Eu teño 45 anos, pero hai xente de 55 e 56 anos. Unha vez peche a empresa as mulleres, con esa idade, temos o mercado laboral pechado”.

En pleno ERE a empresa vai á Feira de Valencia

Denuncian que houbo unha mala xestión e que a dirección da empresa non soubo aproveitar o repunte que houbo no ano 2015. Non entende como é posíbel que nese momento mesmo se contratara máis persoal e que haxa unha débeda privilexiada cos bancos de máis de 34 millóns de euros que, ademais, non teñen intención de pagar.

Para o presidente do comité tampouco é comprensíbel que en plena negociación da liquidación ou dun ERE extintivo e con esa situación económica a empresa se presente na Feira de Valencia. “Din que van repuntar a empresa, pero é unha contradición. Sabemos que a empresa ten esas débedas porque as vimos nas contas; que os bancos xa están presionando ao empresario, porque xa non ten credibilidade ante ninguén, pero en realidade só sabemos iso”.

O Igape só fiscalizará a actuación da empresa

Esa é precisamente a información que pretendían obter no Igape, ademais dun compromiso de apoio que non chegaron a conseguir. Xulio Vicente, representante da CIG-Construción, denuncia os “malos modos” cos que foron tratados e explica que diante da negativa a recibir a asesores e alcaldes estes presentaron unha reclamación.

Con todo aclara que, curiosamente, non chegaron a desprazarse até este organismo os alcaldes do PP e sinala que o único compromiso que se lles trasladou ás/aos representantes do comité é que van fiscalizar a actuación da empresa para que esta cumpra coa lei.

Situación crítica para as familias

A situación para o persoal, que vén padecendo atrasos nos cobros das súas nóminas desde hai tempo, é moi delicada. “Hai traballadoras/es ás que está axudando o propio concello. Até o de agora cobrabas o 10, o 15 ou máis do 20. Iso para unha familia que teña unha hipoteca, repercute en todo”, lamenta o presidente do comité.

Morales lembra que Maderas Iglesias chegou a ter máis de 800 traballadoras/es e que Concellos da zona e asesores/as cren que é viábel. Por iso reclama que se lles aclare exactamente cal é a situación. “A información que temos é o que nos conta o empresario”, afirma, e se non se fai algo antes, ou se acepta o acordo de liquidar os 140 postos de traballo ou a empresa pecharía o día 13 de febreiro.

As consecuencias serían terríbeis para as familias mais tamén para a zona, pola cantidade de postos de traballo que hai en xogo. Por iso esta mañá tamén se trasladaron alcaldes para apoiar as demandas do persoal.