O persoal de Maderas Iglesias insiste en rexeitar o ERE e pide substituílo por baixas voluntarias nas condicións pactadas

O comité reclamoulle á Xunta que fixe unha mediación entre as partes
Vigo - 01 Feb 2019

O cadro de persoal de Maderas Iglesias, empresa do Porriño dedicada á fabricación de tarima flotante que atravesa unha situación crítica, comunicoulle hoxe á Xunta que rexeita o ERE temporal anunciado pola dirección, que sería o noveno presentado en nove anos. Dende o comité insistiron en que a compañía ten que cumprir o acordo que permitiu desconvocar a folga indefinida e permitir que as traballadoras/es queiran rescindir os seus contratos de xeito voluntario poidan facelo nas mesmas condicións que as que se acolleron ao ERE extintivo anterior.

Na xuntanza celebrada hoxe na sede do Igape en Santiago entre o comité de empresa, presidido pola CIG, o director do organismo público e a directora xeral de Emprego, a representación dos traballadores/as reclamoulle aos responsábeis da Administración que establezan unha mediación que permita desbloquear as negociacións, rotas dende o pasado martes. Dende a Xunta confirmáronlles que nos vindeiros días o comité será citado para continuar coas conversas, pero xa coa mediación da autoridade laboral. 

A Xunta confirmou que non hai ningún grupo inversor interesado na empresa

Os representantes do comité deixáronlles moi claro o seu rexeitamento ao ERE suspensivo ao entender que non é a solución que a empresa precisa, e anunciaron que vixiarán moi de cerca as negociacións. “Trasladámoslles que a empresa ten que cumprir co acordo que permitiu desconvocar a folga indefinida e que as traballadoras/es que queiran marchar que teñan as mesmas condicións que as que se foron ERE extintivo anterior”, explica o presidente do comité, Vicente Molares.

Finalmente, os responsábeis autonómicos confirmáronlles que nestes momentos continúa sen aparecer un grupo inversor interesado en facerse coa compañía, polo que o futuro da empresa preséntase cada vez máis complicado.