O persoal de Maderas Iglesias mobilizarase para rexeitar o noveno ERE presentado pola empresa

O comité convoca un paro de dúas horas e unha concentración no Porriño este venres
O Porriño - 21 Xan 2019

O comité de empresa de Maderas Iglesias, empresa do Porriño dedicada á fabricación de tarima flotante, vén de convocar mobilizacións para rexeitar o novo ERE suspensivo anunciado pola dirección. A primeira terá lugar este venres día 25, xornada na que se desenvolverá un paro de 13:00 a 15:00 horas e unha concentración diante das instalacións da compañía.

Dende o comité, presidido pola CIG, rexeitan o novo ERE, cuxa comisión negociadora se constituirá nos vindeiros días, e lembran que se trata do noveno que presenta a empresa, ao tempo que denuncian que o persoal segue sen cobrar o salario íntegro de decembro e paga completa dese mesmo mes. Con estes atrasos o propietario de Maderas Iglesias está a incumprir os acordos que permitiran supender a folga convocada a finais do ano pasado. 

Critican a actitude do propietario       e a falta de implicación da Xunta

“Non vemos unha saída á situación que estamos a padecer os 200 traballadores/as que quedamos, e a dirección segue sen aclarar cal vai ser o futuro da compañía”, denuncian. Queren deixar moi claro que o ERE non é a solución, e critican a actitude do propietario e a falta de implicación da Xunta.

“O Goberno galego comprometérase a buscar unha solución pero pasa o tempo e todo segue igual”, polo que seguran sentirse abandonados/as. Neste senso, aseguran que “semella que os traballadores/as somos os únicos/as que queremos que a empresa sexa viábel e siga a funcionar”.