O persoal de Magna mobilizarase despois de tres meses sen cobrar o ERTE

Desenvolverá concentracións este martes día 16 diante do SEPE en Vigo e da empresa no Porriño

O Porriño -

As seccións sindicais de CIG, CCOO e UGT de Magna Seating Vigo, que ostentan a maioría no comité de empresa (11 de 13 delegados/as), convocan dúas concentracións este martes 16 de xuño para denunciar a situación que está a padecer o cadro de persoal, que leva sen cobrar dende o mes de marzo.

Os traballadores/as da empresa do sector da automoción con sede no polígono porriñés das Gándaras atópanse en ERTE por forza maior dende marzo, e arredor do 65% do persoal segue a día de hoxe sen percibir ningún tipo de prestación por parte do SEPE, polo que van camiño dos tres meses sen percibir ingresos. 

As mobilizacións serán no SEPE en Vigo e na empresa no Porriño

Critican que nin a empresa nin o SEPE lles dan unha resposta axeitada ás solicitudes das prestacións correspondentes, feito que agrava aínda máis a situación persoal e familiar que se está a padecer por mor desta crise sanitaria. “O único que sabemos é que empresa e SEPE vótanse as culpas mutuamente do sucedido”. En consecuencia, a pesar de ter transcorridos xa tres meses nin os responsábeis do SEPE nin de Magna Seating toman medidas para paliar a situación extrema que están a padecer os empregados/as.

Diante disto, esíxenlle tanto ao SEPE como a Magna Seating que atopen unha solución urxente para que o persoal afectado poida cobrar inmediatamente os cartos que se lles adebedan. “Unha multinacional como Magna e unha Administración responsábel non poden permitir que centos de familias estean a padecer esta situación; consideramos aos dous responsábeis da nosa situación e mobilizarémonos para esixir os nosos dereitos”.

LUGARES E HORARIOS DAS CONCENTRACIÓNS:

-Diante da delegación do SEPE en Vigo, na rúa Cánovas del Castillo, 28, de 10:00 a 11:00 horas.

-Diante das instalacións de Magna, no polígono das Gándaras do Porriño de 13:00 a 14:30 horas.

Volver