Adiada a folga no mantemento do Hospital Provincial de Pontevedra unha vez que Veolia accedeu a negociar
O persoal de Veolia Grupo Norte, concesionaria do servizo de mantemento do Hospital Provincial de Pontevedra, decidiu adiar o inicio das xornadas de folga previstas hoxe e os vindeiros días 1, 2, 3, 4 e 5 de outubro unha vez que a empresa accedeu a negociar a equiparación das condicións salariais e laborais ás de outras áreas sanitarias. Con todo, manteñen as mobilizacións anunciadas e hoxe desenvolveron unha concentración diante do centro sanitario que se repetirá este xoves 2 e o venres 3 ás 11:00 horas.
No caso de que as conversas abertas o pasado venres non rematen cunha mellora das condicións laborais e salariais as persoas traballadoras de Veolia farán efectivos os paros de 24 horas entre os días 7 e 14 de outubro, tal e como explican dende a CIG-Industria de Pontevedra.
As protestas chegan despois dun ano tentando abrir unha mesa de negociación sen que nin a compañía adxudicataria do servizo nin o SERGAS amosasen até o de agora disposición de avanzar nos dereitos deste colectivo. Veolia aplica o convenio do metal da provincia de Pontevedra, que non se axusta ás funcións características que desenvolve o persoal (gardas localizadas, traballo en quendas, horario nocturno, etc). Por iso demandan melloras por riba do convenio, coas que si conta por exemplo o persoal de Veolia que traballa no mantemento dos hospitais Álvaro Cunqueiro de Vigo ou no comarcal do Salnés.
Neste contexto, o persoal realizou unha primeira concentración diante do Hospital Provincial o pasado 3 de xullo, e ante a falta de avances desenvolveu unha nova protesta dúas semanas despois. Agora optan por convocar novas medidas presión, aínda que agardan que as conversas frutifiquen e que as melloras que se pacten sexas incorporadas ao prego de condicións do concurso, cuxa concesión remata en decembro deste ano, “para que se consoliden e sexan respectadas pola seguinte empresa que asuma o servizo”.