O persoal de Masol Iberia retoma as mobilizacións para esixir melloras salariais
Os traballadores/as de Masol Iberia Biofuel retomaban este luns as mobilizacións para esixir a equiparación efectiva das súas condicións salariais e sociais coas que xa teñen os compañeiros e compañeiras doutras instalacións do grupo no Estado español (que conta con plantas en Castellón e Cartagena).
O persoal leva ano e medio ano tentando negociar a equiparación das súas condicións e na última xuntanza, a empresa aceptou aplicar dúas das reivindicacións: a cobertura do 100% en caso de enfermidade común e abonar un plus ao persoal que está a xornada partida. A primeira demanda xa está en vigor, mentres que o complemento para o persoal a xornada partida comezarase a aplicar -con carácter retroactivo- a partir do mes de febreiro.
Porén, explica Alberte Amado, da CIG-Industria de Ferrol, a dirección non trasladou ningunha oferta económica, incumprindo o compromiso adquirido nesa xuntanza. "Por iso, sinala, a pasada semana dende a representación social presentámoslle unha proposta, para a que aínda non temos resposta formal". E iso, a pesares de que a cúpula directiva xa se reuniu para abordar esta cuestión.
Ante esta falta de avances, o persoal decidiu retomar as mobilizacións diante da porta de acceso ao Porto Exterior de Ferrol (onde a empresa ten as súas instalacións) "e non se desbota continuar con novas accións de protesta".
A representación social denuncia que existen enormes diferenzas salariais entre o persoal da planta de Ferrol e o que opera en Cartagena ou Castellón, incluso tendo a mesma categoría e atribucións. Unha situación que para a CIG-Industria resulta totalmente incomprensíbel tendo en conta que todo os traballadores e traballadoras da empresa está rexidas polo convenio estatal de industria química.
Empresa con beneficios
Neste senso, Amado lembrou que a factoría atravesou tempos complicados nos que os traballadores e traballadoras realizaron un enorme sacrificio, mais agora a situación é completamente distinta, xa que a planta xera beneficios. De feito, a produción de biodiesel non só está estabilizada, senón que vai en incremento, e o ano pasado producíronse 200.000 toneladas.