• Nova

O persoal de Monbus secunda a folga contra os incumprimentos laborais e o deterioro do servizo

O paro afecta ás liñas A Coruña-Betanzos-Ferrol e ao transporte escolar de Ferrolterra
Ferrol/A Coruña - 21 Xun 2022

O 100% do persoal das UTE do grupo Monbús que fai o servizo regular entre A Coruña-Betanzos-Ferrol  está secundando este martes a xornada de folga en rexeitamento aos abusos laborais, aos despedimentos e ao deterioro do propio servizo. A folga é un éxito en tanto que só están funcionando os autobuses designados como servizos mínimos. Porén, no caso do transporte escolar de Ferrolterra, o persoal condutor e o acompañante non puido exercer o seu dereito á folga xa que a Consellería de Educación decretou uns servizos mínimos do 100%.

De xeito paralelo á folga, a CIG realizou esta mañá unha concentración diante dos xulgados de Ferrol coincidindo coa celebración do xuízo polo despedimento dun traballador nesta UTE do grupo Monbus. Aínda que a empresa alega que non hai carga de traballo abondo, para o responsábel de Transportes da FGAMT-CIG, Xesús Pastoriza, a rescisión do contrato é unha clara represalia sindical contra o traballador, que foi membro do comité. "Monbus ten unha política antisindical e de persecución que busca laminar a representación do persoal. Por iso temos solicitada a nulidade do despedimento", explica.

Faltan persoal e autobuses para cubrir os servizos

Neste senso, subliña que "non ten sentido dicir que non hai traballo cando o problema é que non hai nin coches nin persoal condutor suficiente para facer os servizos e cumprir cos horarios e as frecuencias". De feito, apunta Pastoriza, "todos os despedimentos que se produciron até agora foron declarados improcedentes".

Esta falta de persoal supón ademais sobrecargar de traballo ao resto de compañeiros/as e incumprir de maneira sistemática co servizo, até o punto de que son habituais os atrasos e mesmo que non se realicen servizos, deixando así Monbus "tiradas" as usuarias e usuarios nas paradas.

Xunto a isto, o sindicalista denuncia que a empresa non entrega os cuadrantes de servizos mensuais como está previsto legalmente, non respecta os descansos entre xornada, non está pagando os pluses, non comunica as vacacións, non lle abona a xornada íntegra de traballo ao persoal acompañante, danse impagos de salarios - hai persoal que aínda non cobrou a paga extraordinaria de marzo-, etc. "Acumúlanse os incumprimentos uns tras outros. Xa tentamos en moitas ocasións reunirnos coa empresa para tratar estes problemas pero néganse en rotundo a sentar coa representación social", critica Xesús Pastoriza.

Responsabilidade da Xunta de Galiza

Este caos, engade, deriva das propias características empresariais do grupo Monbus mais tamén ten a ver coa actuación da Xunta de Galiza "que lle consente absolutamente todo a esta empresa. Temos unha chea de denuncias presentadas diante da consellaría de Educación -que sempre contesta negativamente- e da consellaría de Infraestruturas e Mobilidade, que nin se molesta en responder".

O responsábel de Transportes da CIG acusa á Xunta de Galiza de provocar coa súa pasividade "o caos no que se ten convertido o transporte por estrada de viaxeiros/as". "En todos os anos que levo no sector non lembro unha situación como actual, na que coinciden nas queixas e nas protestas os traballadores e traballadoras, as persoas usuarias, os concellos e incluso as pequenas empresas de autobuses".

A este respecto, advirte Pastoriza que este novo modelo de contratos licitados polo Goberno galego leva á desaparición da pequena e mediana empresa galega, ao concentrarse o sector nuns poucos grandes grupos que acaparan os contratos e o mercado. Non cómpre perder de vista que neste momento grupo Monbus ten o 75% das concesións das liña regulares e o 50% do transporte escolar de toda Galiza.

"As pequenas compañías que non desapareceron xa, estanse malvendendo ás grandes empresas, como Monbus, deixando un panorama desolador nun país como Galiza que, pola dispersión xeográfica, precisa do transporte público por estrada, porque sen os autobuses de liña moitas vilas pequenas e aldeas quedarán totalmente sen mobilidade".

Folga na zona Compostela-Barbanza o 30 de xuño

Este deterioro laboral e na prestación do servizo non é exclusivo da zona da Coruña-Ferrolterra, senón que se repite en todos os contratos que presta Monbús. Neste contexto e ante a falta de actuación por parte da administración galega, a CIG está realizando asembleas de traballadores e traballadoras noutras comarcas galegas e, na área de Compostela, xa está convocada xornada de folga para o vindeiro 30 de xuño nas rutas que unen a capital galega cos concellos do Barbanza.