O persoal de Navantia e as auxiliares leva a demanda de carga de traballo ao novo delegado do Goberno

O día 20 marcha o último AOR e as gradas quedan sen obra
Ferrol - 05 Mai 2021

Os comités de Navantia e delegados e delegadas da industria auxiliar concentráronse este mércores na Delegación do Goberno (A Coruña) para esixir carga de traballo inmediata para os estaleiros da ría de Ferrol e que se fagan os investimentos necesarios nas instalacións. A protesta realizouse con motivo do nomeamento do novo delegado do goberno en Galiza.

"Como non tiñamos concedida a entrevista, finalmente atendeunos a subdelegada, a quen lle transmitimos que os estaleiros necesitan con urxencia carga de traballo, pois o día 20 vaise o último AOR para Australia e non queda ningunha obra na grada; e tamén lle falamos dos investimentos que fan falta para garantir o futuro produtivo das instalacións", explica o secretario da sección sindical da CIG en Navantia Ferrol, Marcelino Amado.

Pola súa banda, a representante institucional respondeu que serían atendidos "en breve" polo delegado e que xa coñecía as demandas do persoal. "Moito nos tememos que, como pasou co seu antecesor no cargo, as xestións nestas urxentes reivindicacións para a comarca de Ferrol sexan ineficaces, e non porque a figura do delegado non sexa acaída, senón pola súa actitude coas nosas demandas", advirte.

Decisións políticas

Entre as reivindicacións concretas, Amado destacou a transformación do buque Galiza, "que definitivamente se lle acaba de pasar á Mariña, e que sería un pequeno salvavidas mentres non se comeza coas Fragatas F-110", así como a posibilidade de construír un buque "tipo Cantabria" para substituír ao "Patiño", "que é de interese para a mariña portuguesa". "Estas serían propostas que o Delegado ten que poñer enriba da mesa do goberno, porque son decisións que se van tomar de inmediato, e son decisións políticas, as cales deberían pesar nun cargo político", asevera o representante da CIG.

O mesmo acontece no caso dos investimentos previstos no plan estratéxico inicial "que se están deixando de lado por decisións políticas. Non se pode ignorar a toda unha comarca nas súas reivindicacións de carga de traballo, de termos futuro industrial e emprego digno; é dicir, de poder vivir na nosa comarca", concluíu.