O persoal de Navantia fai un paro laboral de dúas horas para exixir a sinatura e aplicación inmediata do novo convenio
O persoal de Navantia desenvolveu este mércores un paro laboral de dúas horas para exixir a sinatura inmediata do convenio colectivo e a aplicación da totalidade do articulado. A acción foi acordada por unanimidade no comité intercentros e a representación xa avanza que, de non atenderse as reivindicacións sociais as medidas de presión irán en aumento.
Lembran que despois de preto de tres anos de negociacións do convenio, o pasado 16 de outubro os cadros de persoal ratificaron o texto para a súa sinatura definitiva e posterior aplicación. Porén, transcorridos dous meses, o convenio continúa sen asinarse co que isto implica de perda de dereitos sociais e melloras económicas para as traballadoras e traballadores.
Ademais do paro deste mércores, o comité intercentros acordou tamén acudir a Madrid para trasladarlle as súas exixencias tanto á dirección de Navantia como á principal accionista, a SEPI. Neste senso, critican que a dirección da empresa non ofrece máis explicación sobre esta parálise na sinatura que un simple “todo vai ben” e escusa responsabilidades aducindo que depende de custes e de Facenda.
Acusan o Goberno español presumir de defender a clase traballadora pero, á hora da verdade, non cumprir con quen depende das súas decisión e dende o comité solicitarase o cese inmediato da dirección de Recursos Humanos e de Relacións Laborais.
O órgano de representación fai un chamamento a todo o persoal a participar nas accións e asembleas que se convoquen para defender os dereitos e conseguir que se asine e aplique dunha vez o novo convenio colectivo.