O persoal de Navantia leva até Facenda as demandas por un convenio xusto e investimentos nos estaleiros
Os traballadores e as traballadoras de Navantia continuaron este xoves co calendario de mobilizacións para reclamar o desbloqueo da negociación do convenio colectivo e negociar un plan industrial cos investimentos de futuro e os empregos que precisan os estaleiros. O persoal saíu en manifestación dende a porta principal da factoría de Ferrol até o edificio administrativo de Facenda.
A protesta realizouse tras non formalizarse a reunión do convenio prevista para este xoves coa empresa. "A asemblea decidiu ir até a delegación de Facenda e facer alí un acto reivindicativo", explica o secretario do comité e delegado da CIG, Marcelino Amado, lembrando que calquera decisión sobre as condicións do persoal de Navantia e os investimentos nos estaleiros requiren da aprobación deste ministerio.
A este respecto, apunta que dende a empresa alegaron que non se producía a reunión porque seguían os contactos con Facenda para que lle aprobaran o financiamento das medidas que querían pór enriba da mesa. "Isto é algo que nos leva pasando dende hai tempo e a tónica é a mesma. Non hai ningunha proposta e por iso non podemos renunciar ás mobilizacións", apunta.
Para a vindeira semana está convocada unha nova xuntanza presencial coa empresa, "pero a decisión do comité é non rebaixar o ton das protestas, ver que ocorre nas reunións e, no caso de que non haxa avances, avaliar en asemblea decidir que facer e se cómpre intensificar a loita".
Amado valora a resposta masiva na manifestación deste xoves, o que evidencia a aposta clara das traballadoras e traballadoras da ría de Ferrol pola mobilización e a loita para conseguir un convenio digno, un plan industrial que contemple todos os investimentos necesarios, lograr máis carga de traballo que permita paliar a subactividade e que se materialice a incorporación de novo persoal. Para a próxima semana está previsto realizar accións sorpresa tanto en Fene como en Ferrol e novas asembleas.
Temas fundamentais sen tratar
Sobre a marcha das negociacións, o representante da CIG sinala que se están tratando cuestións como as promocións 2022-2023 "que xa estaba máis ou menos acordado e que sendo un tema importante, non é o núcleo do convenio", pero fican pendentes temas fundamentais como a redución da xornada, as condicións das saídas, que entradas vai haber -incluso ligadas ao propio plan estratéxico-, os dereitos das novas incorporacións -que foron mermadas no último convenio-, ou a estrutura salarial e o resto de condicións do persoal técnico superior.
Xunto a isto, Amado denuncia que algo tan relevante para o futuro dos estaleiros como é o plan industrial "segue sen ter un calendario de negociación. Só houbo dúas reunións nas que nos explicaron cuestións técnicas pero non se falou do reparto da carga de traballo, cantas incorporacións lle tocan a cada centro desas 1.500 que prometeu en campaña electoral o presidente Sánchez, e tampouco se abordaron os investimentos tan necesarios para Ferrol e a súa comarca".
Materias que o comité lle lembrou ao Delegado do Goberno na reunión do pasado luns "e das que se ten que facer eco como representante da administración do Estado na Galiza", aseverou.