O persoal de Nueva Pescanova iniciará un calendario de protestas para reclamar un convenio digno

A dirección ofrece unha suba salarial mínima, polo que non se descarta unha convocatoria de folga
Vigo - 30 Nov 2021

Representantes da CIG, CCOO, UGT, USO e CUT compareceron hoxe en rolda de prensa no local da CIG de Vigo para anunciar a convocatoria dun calendario de mobilizacións para reclamar un convenio colectivo digno en Nueva Pescanova. Dende as centrais sindicais denuncian que a empresa ofrece unha suba salarial mínima, polo que o cadro de persoal non descarta unha convocatoria de folga ante a falta de vontade da dirección en pactar unhas condicións laborais xustas.

Os traballadores/as de Nueva Pescanova acordaron levar a cabo as protestas na asemblea celebrada o pasado domingo, na que participaron preto de 400 empregados/as dos arredor de 600 que traballan na compañía. Deste xeito, os vindeiros días 13 e 20 de decembro desenvolverán concentracións diante da sede principal de Abanca -accionista maioritario da empresa- en Vigo a partir das 10:30 horas.

Dende a representación sindical explicaron que levan dende o mes de febreiro negociando o convenio sen que se tivese producido avance algún pola falta de vontade da dirección, o que mantén as conversas bloqueadas. “É unha vergoña que unha marca tan importante coma esta queira ter traballadores/as con salarios do terceiro mundo, mentres están a fichar directivos con salarios con soldos moi elevados”. Neste senso, lembran que o salario actual dun operario/a da cuarta quenda ronda os 14.000 euros ao ano.

Até hai pouco a proposta da empresa era que non houbese incremento, pero despois ofreceu unha paga do 0,5%, sen consolidar en táboas, para 2021, “polo que se este ano se revisa o SMI pódese dar o caso de que haxa soldos en Nueva Pescanova por debaixo do SMI. E iso a pesar de que durante a pandemia as ventas medraron sobre un 25%”.

A parte social solicita un aumento do IPC real máis dous puntos, pero a compañía ofrece esta paga non consolidábel, que nun un salario medio de 20.000 euros suporía un ingreso de só 100 euros máis, mentres que nos soldos máis baixos da empresa serían 70 euros. Nos seguintes tres anos de vixencia do convenio Nueva Pescanova propón un aumento fixo total do 3%: 0,75% para 2022, 1% para 2023 e 1,25% para 2024.

Ademais, pretende a flexibilidade absoluta da xornada laboral, algo que rexeitan os traballadores/as. En canto ás licencias, está disposta unicamente a incorporar os cambios lexislativos que houbo dende o anterior convenio.

Fronte a isto, dende as centrais salientan a unidade sindical existente para trasladarlle á dirección as reivindicacións dos catro centros de traballo: oficinas en Chapela e centros de producións en Chapela, O Porriño e Arteixo. “Presentamos unha plataforma conxunta en cada un dos centros de traballo, pero vemos que a empresa non está pola labor de negociar en serio”.

Por iso cualifican de “tomadura de pelo” o que ofrece a empresa, “sobre todo tendo en conta o ano que tivo que vivir o persoal como consecuencia da pandemia; xa que mentres o equipo directiva traballaba tranquilamente dende as súas casas de xeito telemático os operarios/as estaban nas fábricas dando o callo, co risco que corrían tanto eles/as como as súas familias”.

Ademais, inciden en que non hai que esquecer tampouco que foi o cadro de persoal o que sostivo a empresa nos momentos máis difíciles, “cando o anterior equipo directivo púxoa nos aprietos que todos/as sabemos”. Ademais, como consecuencia desta situación os traballadores/as estiveron tres anos sen subida salarial, precisamente polas dificultades que atravesaba a empresa.

“Despois de todos estes sacrificios, despois de aceptar no anterior convenio que parte da suba salarial se vinculase a beneficios -polo que non a cobraron posto que supostamente non se produciron beneficios a pesar da fichaxe de directivos/as con salarios moi elevados-, o pago que lle fai a dirección ao cadro de persoal é este”.

Fan fincapé en que se trata unha compañía de primeiro nivel “e como tal ten que mudar a súa política de relacións laborais e valorar o seu persoal como se merece, non só polo seu labor durante a pandemia senón tamén nos momento máis complicados da empresa”.

Entenden que a negociación atópase no mesmo punto que hai catro anos, “cando unha actitude inmobilista da empresa co mesmo discurso, apelando a que os números non daban. Pero enfronte tiñan o mesmo que agora, a unidade sindical, a elevada participación do cadro de persoal nas asembleas e unha plataforma conxunta”.

Por iso consideran que Nueva Pescanova ten que ter en conta o que pasou daquela, cando se convocaron mobilizacións contundentes e folgas coas que se conseguiu un convenio digno. “A empresa ten que facer memoria e centrarse en permitir un convenio digno”.

Finalmente, inciden en que o persoal non está conforme coa dirección que está a tomar a negociación colectiva nin coas persoas designadas como interlocutoras polo banco, polo que na propia asemblea abordouse a posibilidade de convocar folga antes do Nadal.