• Nova

O persoal de Onet-Seralia en Ourense continúa coas protestas a prol do emprego e das condicións laborais

As mobilizacións seguirán o vindeiro martes 24 de xaneiro ás 11.00 horas
Ourense - 19 Xan 2017

O persoal do servizo de limpeza das dependencias municipais de Ourense, pertencente á empresa Onet-Seralia, continuou hoxe coas mobilizacións en defensa dos seus empregos e para reclamar unha subrogación na que se manteñan as actuais condicións laborais.

Un grupo de traballadoras/es desafiou as baixas temperaturas que rexistrou a provincia e permaneceu concentrado esta mañá ás portas do consistorio, onde despregaron unha faixa e berraron consignas para reclamar o mantemento do emprego e das actuais condicións laborais.

Dende a CIG de Ourense amosan a súa preocupación polo futuro das máis de 40 empregadas/os do servizo, unha vez que a actual concesionaria anunciou que abandona a súa xestión o vindeiro 31 de xaneiro.

Ademais, o proceso vén de complicarse xudicialmente a causa das accións interpostas pola anterior concesionaria, a empresa PAU, do grupo Vendex. A compañía reclama a execución da sentenza que decreta a nulidade do acordo da Xunta de Goberno que declarou deserto o concurso para a adxudicación do servizo.

Dinte disto, as empregadas/os apostan por continuar coas protestas, que retomarán o vindeiro martes 24 de xaneiro ás 11.00 horas.