O persoal de panadarías de Lugo mobilízase contra as propostas de miseria da patronal

A oferta do empresariado suporía seguir deixando o convenio por debaixo do SMI e cunha xornada anual desfasada
Lugo - 16 Mai 2025

Persoal de panaderías manifestouse este venres polas rúas de Lugo para demandar un convenio colectivo digno con salarios e condicións xustas. Ao berro de “non a tanta explotación”, e aproveitando a conmemoración do patrón do sector, a marcha saíu da Praza do Rei e rematou diante da sede da CEL, tras facer varias paradas durante o percorrido diante dalgúns dos principais despachos de pan provincia como Ousá, Fraga ou Panadaría Manuel.

Arredor de 1.500 persoas están reguladas na provincia de Lugo polo convenio para as industrias do pan, que está vencido dende o 31 de decembro de 2023. Nas nove reunións mantidas até agora para renovación do convenio foi imposíbel achegar posturas, xa que a patronal teima nunha proposta que cualifica de “máximos” que suporía seguir deixando as táboas salariais por debaixo do SMI.

O secretario da FGAMT-CIG de Lugo-A Mariña, Christian López, apunta que neste intre as negociacións están estacadas e denuncia que a proposta de incremento salarial da patronal para 2024 deixaría os soldos do persoal na categoría de axudante que no cobra antigüidade, 955,20 euros por debaixo do salario mínimo interprofesional anual; e para a categoría de oficial esta diferenza situaríase nos 431,95€.

Esta diferenza co salario mínimo interprofesional aínda se incrementaría máis coa suba do SMI aprobada para este ano. Pero ademais, a patronal négase a facilitar mecanismos para garantir que determinados complementos non van operar como absorbíbeis, xa que isto suporía afondar na perda da capacidade adquisitiva dos traballadores e traballadoras.

Alén das cuestións económicas, outra das principais reivindicacións “é definir a xornada máxima anual, que está totalmente desfasada”. Así, sinala López Carmona, o convenio estabelece unha xornada de 1826 horas anuais “coa penosidade engadida de ser unha xornada laboral cunha nocturnidade sen valorar na súa xusta medida”.

Ante este inmobilismo patronal que condena o persoal á pobreza e á precariedade laboral, as centrais sindicais acordaron convocar esta primeira mobilización, aproveitando que hoxe era o día do patrón do sector e festivo de convenio. Porén, de non producírense avances que permitan desbloquear a negociación e chegar a un acordo digno, nas próximas semanas avaliara se convocatoria de novas protestas, sen descartar ningún tipo de medida.