O persoal de Pérez Torres Marítima de Marín inicia unha campaña de protestas para esixir melloras

Desenvolveu unha concentración diante das instalacións da compañía no Porto da localidade pontevedresa
Marín - 28 Set 2022

O cadro de persoal de Pérez Torres Marítima, empresa que xestiona a descarga de contedores no Porto de Marín, iniciou hoxe unha campaña de mobilizacións para reclamar melloras laborais. Deste xeito, un grupo de traballadores/as desenvolveron unha concentración diante das instalacións da compañía, protestas que se repetirán todos os mércores.

Dende a FGAMT-CIG de Pontevedra explican que a decisión de mobilizarse foi adoptada despois de que a dirección rompese de xeito unilateral as negociacións tras meses de conversas para intentar pactar unha serie de melloras laborais por enriba do convenio colectivo de Axencias Marítimas, convenio que foi denunciado nos xulgados.

As concentracións repetiranse todos os mércores de 12:50 a 13:15 horas

Ao mesmo tempo, anuncian que as protestas desenvolveranse no mesmo lugar todos os mércores de 12:50 a 13:15 horas até que a compañía acceda a retomar as negociacións co obxectivo de mellorar as condicións de traballo.

Por iso durante a concentración despregaron unha faixa rexeitando as imposicións da empresa e berraron consignas instándoa a retomar as conversas.