O persoal de Poligal seguirá a vindeira semana coas mobilizacións para esixir solucións de continuidade

Demándanlle á Xunta que acelere as xestións cos grupos interesados e co administrador concursal
Narón - 13 Xun 2019

A asemblea de traballadores e traballadoras de Poligal acordou un novo calendario de mobilizacións a desenvolver na próxima semana en demanda de solucións que garantan a continuidade da actividade produtiva e dos máis de cen empregos. Así, o luns 17 de xuño realizarán unha concentración diante do Concello de Ferrol ás 10:00 horas e o martes 18 repetirán protesta, perdo diante do Concello de Narón. Con estas mobilizacións queren reclamar das Corporacións locais que presionen a Xunta para que acelere ao máximo o traballo dentro da mesa técnica.  

Para o mércores 19, os traballadores e traballadoras volveranse concentrar diante do edificio da Xunta en Ferrol, ás 11:00 horas.

A Xunta di que hai dous grupos interesados

A asemblea do persoal na que acordaron estas mobilizacións celebrouse na tarde do mércores e nela deuse conta do falado na xuntanza da mesa técnica que tivo lugar pola mañá. Coincidindo coa reunión, os traballadores e traballadoras fixeron unha concentración ás portas do edificio da Xunta en Ferrol.

Alberte Amado, da CIG-Industria de Ferrol, explica que dende a Xunta se informou que hai dous grupos interesados na planta de Narón (aínda que non transcendeu o nome destes posíbeis inversores). Así mesmo, dende a Administración informaron á representación social que se van dirixir ao administrador concursal para que dea marxe de tempo suficiente para poder avanzar unha alternativa antes de comezar co proceso de liquidación da fábrica.

Con este obxectivo, a Xunta indicou que porá en contacto a eses grupos inversores interesados co administrador concursal para concretar unha visita ás instalacións e que se poidan comezar a formalizar as posíbeis propostas.

Malia as boas palabra do IGAPE, Amado demandou maior celeridade á Xunta "xa que non foi capaz de avanzar nas xestión para paralizar o ERE de extinción ou transformalo nunha regulación temporal de emprego" e "porque cos despedimentos xa en marcha (hoxe mesmo chegou o auto do xuíz) seguimos exactamente igual que hai semanas, sen que se concrete ningunha das alternativas das que nos falan".  

A este respecto, advirte que en breve comezará a liquidación da empresa "polo que a urxencia para buscar unha solución é manifesta. Esperamos que a Xunta faga o seu traballo e esta mesa non se quede nun paripé co que pretenda xustificar que fixo algo". A próxima xuntanza da mesa técnica terá lugar o día 26 de xuño "e neste tempo suponse que a Xunta realizará os trámites aos que se comprometeu cos posíbeis inversores e co administrador concursal".

A CIG critica tamén o desinterese absoluto do Ministerio de Industria neste conflito, pois non só fica evidente que non fixo ningunha das xestións que anunciara na reunión de marzo en Madrid, senón que nin sequera se volveu pór en contacto coa representación social nin tentou coordinarse coa Xunta para buscar unha solución de continuidade.