O persoal de Poligal prosegue as mobilizacións contra o peche da fábrica e o ERE de extinción

Manifestáronse dende a factoría até a Ponte das Pías

Narón -

Tras do parón da semana santa, os traballadores a as traballadoras de Poligal retomaron este xoves as mobilizacións en rexeitamento ás pretensións do Grupo Peralada de pechar a factoría de Narón e despedir a todo o seu persoal. Desta volta, realizaron unha manifestación dende as instalacións de Poligal no Polígono da Gándara até a ponte das Pías, onde confluíron cos traballadores e traballadoras do naval, que hoxe tamén se están a mobilizar en demanda de carga de traballo.

A protesta coincide ademais co inicio do período de consultas do ERE, xa que o administrador concursal (hai que lembrar que a empresa está en situación de concurso voluntario) ten convocada á representación do persoal a unha xuntanza para esta tarde. De levarse adiante, a proposta de expediente de regulación formulado pola empresa suporía o despedimento dos máis de cen traballadores e traballadoras que ten a planta de Poligal.

Neste senso, Alberte Amado, da CIG-Industria de Ferrol, reiterou a viabilidade da fábrica da polipropileno, que permanece sen actividade dende que o pasado 22 de febreiro a dirección anunciara que ía presentar concurso voluntario de acredores e malia ter carga de traballo pendente de realizar. Así as cousas, o persoal continúa acudindo cada día ao seu posto e con absoluta disposición a pelexar polo mantemento da actividade produtiva.

Reunión co IGAPE o día 30

"Temos agora dúas vías abertas, a social, na que temos 30 días por diante do período de negociación do expediente; e doutra banda, a mesa técnica constituída no IGAPE para buscar alternativas e posíbeis inversores", apunta Amado. Lembrou que a seguinte reunión desta mesa terá lugar o 30 de abril "e será entón cando saibamos de posíbeis inversores e das xestións que fixo a Xunta co grupo que xa amosou o seu interese polas instalacións ou se hai outras compañías interesadas".

Amado reclamou do Goberno galego unha implicación real neste conflito para evitar esta desfeita laboral nunha comarca especialmente castigada polo desemprego. Máis, incidiu, tendo en conta que durante anos a empresa (nacida ao abeiro da mal chamada reconversión naval) recibiu axudas públicas e que atrás desta manobra do Grupo Peralada o que hai é unha deslocalización da produción a outras plantas do grupo para abaratar custes.

Este "concurso fradulento" chega, ademais, despois varias regulacións de emprego que adelgazaron paulatinamente o cadro de persoal, logo de aplicárselles recortes sociais e tras incumprir a empresa os compromisos de investimento na fábrica naronesa mentres investía nas súas plantas de Portugal e Polonia.

Volver