O persoal de Poligal reclámalle á Corporación de Ferrol que inste a Xunta a concretar unha solución

Concentráronse no Concello e este martes repetirán protesta en Narón

Ferrol -

Os traballadores e as traballadoras de Poligal continúan as mobilizacións para esixir unha alternativa de futuro para as instalacións de Narón e que esta se concrete de maneira inmediata, tendo en conta que xa se aplicou o expediente de extinción de contratos e que o proceso de liquidación da empresa podería comezar en calquera momento. Na mañá deste luns, o persoal concentrouse no Concello de Ferrol para demandar á implicación activa do novo Goberno e da nova Corporación municipal na busca dunha alternativa de continuidade da produción e dos empregos.

Con tal motivo, mantiveron un encontro co alcalde e os/as voceiros/as dos grupos municipais a quen lles transmitiron a situación actual de Poligal dentro do concurso e como o Grupo Peralada (propietario das instalacións) argallou o proceso de descapitalización e deslocalización da produción até chegar ao peche e ao despedimento de todo o cadro de persoal. Así mesmo, engade Alberte Amado, da CIG-Industria, explicáronlle os traballos e as xestións que se están a realizar no marco da mesa técnica creada no IGAPE, cuxa actividade, malia levar varios meses constituída, "non evitou o ERE de extinción e aínda non se traduciu nunha solución de futuro".

A este respecto, a representación social tamén instou a nova Corporación de Ferrol para que interveña diante da Xunta e o IGAPE e urxa o Goberno galego a concretar os proxectos dos inversores interesados.  

De igual xeito, a representación do persoal afeoulle ao novo rexedor, Ángel Mato (PSOE), o desinterese do Ministerio de Industria neste conflito, pois continúa desaparecido e sen manter contacto co comité de empresa para informar das xestións que se comprometeu a realizar. Pola súa banda, o alcalde comprometeuse a dirixirse ao longo desta xornada ao Ministerio para coñecer que está a facer o Goberno español para garantir que se retome a actividade na fábrica de plástico e se manteñen os empregos en Poligal Narón.

Intenso calendario de mobilizacións para esta semana

Os traballadores e as traballadoras continuarán mañá, martes 18 de xuño, o calendario de mobilizacións previsto para esta semana cunha concentración ás 10:00 horas diante da Casa do Concello de Narón, onde esperan ser recibidos/as pola alcaldesa e polos grupos municipais.

Para o mércores 19, ás 11:00 horas, está convocada unha nova concentración diante do edificio administrativo da Xunta en Ferrol. A próxima xuntanza da mesa técnica terá lugar o día 26 de xuño "e neste tempo suponse que o Goberno galego realizará os trámites aos que se comprometeu cos posíbeis inversores e co administrador concursal".

A CIG tamén fai un chamamento a toda a cidadanía de Ferrolterra para que participe na manifestación que o comité de Poligal convoca para este venres 21 de xuño, ás 19:30 horas, dende a rotonda de Esteiro (a altura do monumento a González Llanos), en defensa do emprego e do futuro industrial da comarca.

Volver