O persoal de Poligal rexeita que se negocie o ERE cando o mercantil non admitiu a liquidación
Os traballadores e as traballadoras de Poligal continuarán a próxima semana co calendario de mobilizacións en rexeitamento á pretensión do Grupo Peralada de despedir a todo o persoal e pechar a fábrica de Narón, co único obxectivo de deslocalizar a produción a outras plantas do grupo para abaratar custes. A CIG rexeita que a administración concursal dea por iniciado o período de consultas do ERE formulado pola dirección, cando a liquidación non foi admitida, non está concluído o informe do administrador nomeado e cando a maior parte da débeda coa que Peralada pretende xustificar a medida é con outras empresas do grupo.
Precisamente, este martes houbo unha nova reunión co IGAPE (que ten elaborado un informe que a parte social considera incompleto), na que se explicaron as xestións que están a realizar (a través da consultora contratada para tal fin) na busca de posíbeis inversores, tanto entre empresas do estado español como de fóra. Nestes momentos, explicou Alberte Amado, da CIG-Industria de Ferrol, habería dúas compañías interesadas na fábrica de Narón, que xa solicitaron información adicional á documentación elaborada polo IGAPE.
Acelerar o proceso do ERE dificulta calquera alternativa de futuro que se poida buscar na mesa técnica de traballo"
Neste contexto, a central urxe ao Goberno galego a buscar alternativas para evitar que se consolide esta nova desfeita laboral na comarca, de maneira que a mesa técnica "non quede nun simple lavado de cara da Xunta" neste conflito.
Desacordo coas negociacións do ERE
Nese encontro acordouse tamén continuar coas reunións periódicas da mesa técnica, pero facéndoas coincidir coas xuntanzas da negociación do ERE, para que se incorpore a estas o administrador concursal. A este respecto, Amado reiterou o desacordo da representación social coa apertura do período de consultas "cando o xulgado non admitiu a proposta de liquidación, os salarios están ao día, aínda se están facturando traballos feitos e porque entendemos que habería que agardar a que o administrador teña elaborado o seu informe (ten dous meses para facelo dende a admisión do concurso)". Pero ademais, advirten que acelerar o proceso do expediente de regulación "dificulta calquera alternativa de futuro que se poida buscar na mesa de traballo".
Este desacordo co inicio do período de consultas foi trasladado tanto polo comité como pola CIG ao xulgado do mercantil. Neste senso, o representante sindical sinalou que tamén se lle trasladou ao administrador concursal a necesidade de non cinguirse ao prazo de 30 días na negociación do ERE, no camiño de facilitar unha saída ao peche e aos despedimentos, mais o administrador denega esta posibilidade.
Estratexia para liquidar a fábrica
A débeda coa que a Poligal pretende xustificar a liquidación da fábrica de Narón é case toda con outras plantas do grupo"
Para o persoal non ten xeito aplicar unha extinción dos contratos cando, segundo a propia documentación achegada pola dirección, a maior parte da débeda é co grupo empresarial. "Na documentación que entrega a empresa quérese dar a imaxe de que a fábrica de Narón é a 'mantida', mais iso non é certo, pois dentro da débeda de 12 millóns de euros que aduce a empresa, hai oito millóns de débeda co grupo e hai outros tantos cartos que o grupo ten pendente de pagar á planta de Narón", puntualiza Amado.
Considera, por tanto, que non ten lóxica comezar co ERE "cando en termos económico-financeiros, a débeda con terceiros sería máis que asumíbel, porque non chega sequera aos 3 millóns de euros. Entendemos que se trata dunha estratexia para liquidar a empresa", denuncia.
Por esta razón, dende o comité tamén se demandou a participación das tres fábricas do grupo Poligal na mesa do ERE atendendo a súa clara vinculación en termos organizativos e produtivos (compártese o departamento de I+D, compleméntase a produción entre as fábricas, etc.). De igual xeito, pediuse que a consellaría de Traballo teña presenza nestas xuntanzas "xa que todo o que pase na mesa do ERE repercute directamente e condiciona o que se faga na mesa técnica".
O Ministerio de Industria, desaparecido
Doutra banda, dende a CIG-Industria amosáronse moi críticos coa pasividade amosada polo Ministerio de Industria neste conflito, pois dende a reunión do pasado 27 de marzo en Madrid co director xeral, Galo Gutiérrez, "non se puxo en contacto co comité para nada. Non sabemos se fixeron algunha das xestións ás que se comprometeron ou se simplemente non lles interesa o máis mínimo nin o futuro dos 108 postos de traballo e o desmantelamento do tecido industrial da comarca".