O persoal de Portos do Estado e Autoridades Portuarias retomará as mobilizacións ante o incumprimento do convenio

Denuncian que o Goberno español segue sen aplicar os incrementos salariais pactados

Nacional -

As centrais sindicais asinantes do III Convenio Colectivo de Portos do Estado e Autoridades Portuarias (CIG, UGT e CCOO) veñen de anunciar o inicio dun calendario de mobilizacións que manterán de xeito indefinido até que o Goberno español aplique o incremento salarial pactado. Manifestacións, encerros e incluso folga son algunhas das medidas de presión que barallan convocar agora, tras o peche de 17 días que levaron a cabo o ano pasado e a concentración diante do Ministerio de Transporte o 30 de abril.

Os tres sindicatos fixeron público un comunicado no que acusan o ministro de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, José Luis Ábalos, e o presidente de Portos do Estado, Francisco Toledo, de atentar contra a negociación colectiva e de “burlarse das autoridades portuarias, do persoal que as compón e dos Parlamentos autonómicos onde se aproban Proposicións non de Lei en favor do cumprimento do pactado e acordado”. 

Os tres sindicatos barallan mesmo convocar paros parciais e folgas

Por iso aproveitaron a mobilización do pasado 30 de abril en Madrid para presentar por rexistro un escrito dirixido a Ábalos no que lle solicitaba “que deixase de poñerse de perfil neste innecesario conflito” e asumise a responsabilidade directa no asunto, “desbloqueando dunha vez por todas unha situación inxustificada que vén alongando no tempo”, porque do contrario veríanse na obriga de retomar as mobilizacións.

Dende entón non recibiron máis resposta que o silencio, polo que agora optan por dar “unha resposta contundente á inacción dun Goberno que se proclama de esquerdas e que reiteradamente predica ter como bandeira estar á beira da clase traballadora”.

Importantes beneficios

Lembran que a día de hoxe continúan sen aplicarse os incrementos salariais pactados entre a Administración e os sindicatos, reflectidos na normativa orzamentaria e que perciben a totalidade do resto dos empregados/as públicos/as dende hai máis dun ano, como tampouco se aplica en materia retributiva o III convenio. Mentres os portos de interese xeral do Estado seguen xerando beneficios económicos anuais duns 300 millóns de euros. “Incluso no exercicio 2020, a pesar da crise derivada da pandemia, os beneficios situáronse nos 123,7 millóns de euros”.

Ademais, sinalan que a “xenerosidade” de Portos do Estado con terceiros “non ten límites”: o investimento de diñeiro público para o exercicio en curso vai superar os 1000 millóns de euros, e tense previsto aprobar unha baixada de taxas ás empresas portuarias de entre un 20 e un 30%, o que supón un menor ingreso nas arcas públicas. “Esta xenerosidade choca de fronte co trato que está a darlle aos seus propios traballadores/as ao incumprir o pactado e asinado”.

Fronte a isto, barallan organizar concentracións, levar a cabo peches de carácter indefinido, celebrar unha manifestación no Congreso dos Deputados/as (o vindeiro 16 de xuño), esixir a dimisión inmediata “daqueles incompetentes responsábeis públicos que incumpren reiteradamente os acordos ratificados formalmente”, solicitar a comparecencia dos ministros de Facenda e de Transportes, presentar PNL e mesmo convocar paros parciais e folgas.

Volver