O persoal de Povisa inicia un calendario de protestas en demanda dunha solución ao preconcurso de acredores

Hoxe concentráronse diante do hospital vigués e a continuación farano na sede do PP e no Sergas
Vigo - 13 Nov 2018

O cadro de persoal do hospital Povisa de Vigo desenvolveu hoxe a primeira das protestas convocadas polo comité de empresa para reclamar unha solución ao preconcurso de acredores que remate coa incerteza laboral que viven dende que se anunciase a medida hai xa máis dun mes. Os traballadores/as, que nos vindeiros días volverán a mobilizarse na sede do PP e no Sergas, rexeitan a conxelación salarial até 2024, cando remata o concerto entre o centro privado e a Xunta.

Máis dun cento de empregados/as de Povisa participaron na concentración que se desenvolveu esta mañá por espazo de dúas horas ás portas do hospital vigués, onde despregaron varias faixas e berraron consignas como “Povisa culpábel, Sergas responsábel”, “Non non non, á precarización” ou “Queremos negociar o convenio colectivo”. 

A empresa adiantounos con toda claridade que non vai haber suba salarial e que non van negociar o convenio 

A voceira do comité, María Xesús Neira, da CIG, explicou que na última xuntanza coa empresa, que tivo lugar o pasado venres, a dirección de Povisa non lles avanzou “gran cousa” sobre o estado das negociacións co Sergas, e que o único que lles comunicaron é que estaban a analizar unha serie de propostas que a día de hoxe descoñecen. “Cando preguntamos como ía repercutir esta situación nas condicións laborais dos traballadores/as a nosa sorpresa foi que con toda claridade nos adiantaron que non ía haber subida salarial e que non se ían sentar a negociar un convenio colectivo que leva oito anos caducado”, critica.

Segundo indicou, o argumento da empresa é que o acordo que está a negociar co Sergas “mantería as contas a cero, sen beneficios e sen perdas, algo que obviamente nós non nos cremos”. Adiantou que non dispostos/as a manter o convenio conxelado até 2024 e que entenden, como así o manifestaron nas reunións, que no acordo final teñen que quedar recollidas as condicións laborais e salariais, o que suporía negociar o convenio, actualizar os soldos e que a xente á que se lle reduciu a xornada a 35 horas mensuais volva ás 40. “En definitiva, o que pedimos é estabilidade laboral para os traballadores/as e a contratación de máis persoal, porque o actual número de empregado/as é insuficiente para atender as 139.000 cartillas”.

Calendario de mobilizacións

Diante disto, o comité elaborou un calendario de mobilizacións que comezou hoxe con esta protesta diante de Povisa, mentres que o xoves da próxima semana desenvolverán unha concentración diante da sede do PP, na rúa do Príncipe, xa que esta formación votou en contra da proposta presentada no Parlamento galego para que se auditasen as contas de Povisa, se blindasen os postos de traballo e as condicións laborais e se aumentase o cadro de persoal. A semana seguinte teñen pensado trasladarse até Santiago para levar a cabo unha nova protesta, esta vez diante do Sergas.

“Non imos parar até que as nosas reivindicacións sexan recollidas no acordo, porque estamos convencidos/as de que vai ser beneficioso para a empresa, permitíndolle obter beneficios”. Tampouco entenden que Povisa presentase o preconcurso de acredores e censuran que estea centrado especialmente en negociar co cliente principal, deixando os provedores nun segundo plano.

“O que tería aínda menos sentido é que finalmente presentasen o concurso, o que nos levaría a un proceso moito máis longo no que a empresa tería que achegar moita máis información da que está a facilitar agora, pero cremos que Povisa non está disposta a chegar a ese punto”, rematou.