O persoal de reparto da oficina de Correos de Lalín volve á rúa para esixir melloras laborais
Os carteiros/as da unidade de reparto de Correos en Lalín volveron hoxe á rúa para seguir reivindicando melloras nas condicións de traballo e para denunciar a falta de persoal no servizo. A concentración desenvolveuse na intersección da rúa Joaquín Loriga 26 con Molinera 2 ás 13:30 horas, onde despregaron unha faixa na que se podía ler ‘Na defensa dos nosos dereitos. Correos público, galego e de calidade’.
Dende a representación da CIG na empresa pública lembraron que este verán “foi extremadamente duro” na oficina de Lalín, con días nos que unicamente prestaban servizo oito carteiros/as dun total de 23 para garantir o reparto tamén nos concellos de Agolada, Rodeiro e Dozón.
“Unha vez máis Correos aproveitou o período vacacional para facer un recorte desproporcionado e groseiro, reducindo contratación en todas as unidades, con especial incidencia nesta localidade”.
En consecuencia, adiantan que as persoas traballadoras seguirán mobilizándose para amosar o seu malestar mentres a dirección de Correos non solucione “unha problemática que se alonga no tempo”.