O persoal de seguridade de Reganosa e Forestal del Atlántico mobilizarase en defensa dos seus dereitos e o cobro dos salarios

Prosetecnisa non abonou as cantidades pendentes mentres GFS está a cometer unha chea de irregularidades
Ferrol - 19 Out 2022

A CIG-Servizos ten convocada unha concentración para o vindeiro 28 de outubro, ás 12:00h, diante do acceso a Reganosa e Forestal del Atlántico en protesta polos abusos aos que a empresa de seguridade saínte, Prosetecnisa, e a que actualmente presta o servizo, GFS Security Group, están sometendo o persoal que presta este servizo.

Dunha banda, Prosetecnisa aínda non procedeu a liquidarlle ao persoal a parte proporcional do período devindicado na empresa. Doutra, GFS, na carta de subrogación que está a entregarlle ás traballadoras e traballadores introduciu unha cláusula pola que intenta eximirse da responsabilidade de pagar ditas cantidades. "Podería parecer que ambas asempresas non teñen intención algunha de satisfacer as cantidades xa xeradas polo persoal", denuncia Xabier Rodríguez, da CIG-Servizos de Ferrol.

Por esta razón, comezáronse a presentar as correspondentes demandas por reclamación de cantidades para garantir o cobro deses cartos ás traballadoras e traballadores. Ao que hai que engadir que aínda teñen pendente de percibir a nómina do mes de setembro de 2022.

Denuncias na Inspeción e nos xulgados

Rodríguez advirte que as actuacións realizadas até agora por GFS Security Group "na súa curta andadura na Galiza resultan sospeitosos, escuros e fraudulentos". A empresa, explica, está a enviar documentación urxindo o persoal para que proceda á súa sinatura. Entre esta documentación se inclúe unha acta de entrega de EPI que non se deron e un curso de prevención de riscos laborais "do cal están a enviar as respostas do test por whatsapp para asegurarse que todo o mundo aproba". Todo isto sumado ás irregularidades no proceso de subrogación.

Ademais, "non podemos esquecer que tamén semella que incorreu nun delito de falsidade documental á hora de presentar as certificacións ISO á empresa Prosetecnisa durante a negociación da cesión dos servizos, asunto polo cal terán tamén que render contas no xulgado".

O representante sindical critica que a ousadía amosada por GFS "non ten parangón, créndose impune ante todo tipo de ilegalidades", que xa foron denunciadas pola CIG. Estase agora á espera da emisión dos oficios pertinentes por parte da Inspección de Traballo e Seguridade Social. "Dende a CIG continuaremos demandando unha solución definitiva para un sector que adoece dos mesmos problemas de precariedade dende hai décadas, apostando por un modelo no que empresas como GFS ou Prosetecnisa non teñan cabida, e defendendo os intereses do persoal en toda Galiza".