• Nova

O persoal de socorrismo dos areais da Coruña acada un acordo coa empresa que pon fin ao conflito

Move Servicios de Ocio y Deporte cedeu a case todas as súas demandas
A Coruña - 27 Ago 2020

O comité de empresa do servizo de Salvamento e Socorrismo dos areais da Coruña vén de comunicar a sinatura dun acordo coa concesionaria Move Servicios y Ocio na que a empresa accede as súas demandas, grazas á mediación tanto da Inspección de Traballo como do concello da Coruña.

O comité manifesta a súa satisfacción e agarda que para as vindeiras tempadas os areais coruñeses poidan contar cun servizo de salvamento de calidade e non se repitan novamente os conflitos vividos este verán.

Agradece ademais o apoio da veciñanza e das/os socorristas polo esforzo e a loita que mantiveron, grazas ao que se conseguiu que a empresa non seguira precarizando o as súas condicións laborais e sociais.

O persoal tiña previsto retomar este venres a folga indefinida convocada en denuncia dos sucesivos incumprimentos laborais da empresa en relación ao acordo de abono de horas extras. Mais tamén pola falta de medios preventivos para levar a cabo o seu labor; o despedimento dun compañeiro, e as sancións a outros cinco, de ata quince días de suspensión de emprego e soldo.