O persoal de Tecman-Rayma denuncia o inmobilismo da UTE e reclama a implicación no conflito dos responsábeis políticos de Navantia

Os traballadores concentráronse nas instalacións da empresa cando cumpren semana e media en folga
Ferrol - 02 Out 2019

Traballadores das contratas de mantemento Navantia en folga indefinida concentráronse este mércores diante das instalacións da UTE Tecman-Rayma para avaliar a situación do conflito, toda vez que a empresa naval comunicou a prórroga dun mes do contrato, pero a dirección da auxiliar continúa sen abrir contactos co comité de folga para buscar unha solución. Neste senso, inciden no carácter público de Navantia, na súa responsabilidade no mantemento do emprego e das condicións laborais nas súas contratas, así como na necesidade de facer un control público rigoroso do que pasa na empresa naval.

Dende a CIG-Industria agradecen o apoio recollido nos plenos municipais de Narón e Ferrol, pero chaman ás institucións e aos partidos políticos a implicarse dunha maneira máis activa na defensa dos dereitos do persoal e dos empregos na comarca, atendendo ao carácter público de Navantia "e ao feito que a súa presidenta é un cargo nomeado a dedo polo Goberno do PSOE".

Neste senso, Ramón Fernández, da Federación de Industria, contrapón a conflitividade que se está a vivir na Ría de Ferrol co acontecido na recente adxudicación do contrato de mantemento na Baía de Cádiz, "onde o persoal ten dende hai 20 ano recoñecido o dereito á subrogación, proceso que se fai con absoluta normalidade".

Nesta liña, Óscar Chao, secretario do comité da UTE, sinalou que, en lugar de reconducir o conflito, a empresa estao agravando, pois esta mañá, cando o persoal intentou acceder ao estaleiro, "atopámonos con que todos os pases están anulados". O comité descoñece a que se debe esta decisión, especialmente tendo en conta que Indasa deixou sen efecto o despedimento de seis traballadores (o que supuxo a desconvocatoria da folga nesta auxiliar), malia que Navantia xa lle notificou un descenso da carga de traballo polo peche de dúas cabinas de pintura.

Porén, no caso da UTE, "aínda que Navantia non se pronunciou sobre que vaia recortar a carga de traballo nin a adxudicación económica, a empresa segue sen avirse a negociar". Na última xuntanza, dende o comité propuxéronse alternativas aos despedimentos no caso de que temporalmente se recorte a carga de traballo, como a aplicación dun ERTE. "A empresa dixo que o estudaría e que nos chamarían, pero seguimos sen ter resposta". Unha falta de movementos que incrementa a incerteza entre o cadro de persoal polo seu futuro laboral.

"Non sabemos a que xoga a UTE ou se Navantia lle deu vía libre a este señor (en referencia a José Ramón Franco, xerente de Tecman) para que faga o que lle dea a gaña", apuntou Chao. Unhas afirmacións ás que Ramón Fernández engade: "parece que con este home sempre ten que chegar o sangue ao río".

A este respecto lembrou que durante a folga das auxiliares de hai dous anos para esixir a incorporacións dos acordos no convenio colectivo, Franco lideraba as negociacións pola parte patronal "e negouse en rotundo a asinar". Unha postura bloqueadora que repetiu durante as mobilizacións do sector do pasado ano, que finalmente concluíron coa entrada dos acordos no convenio do metal.

Así as cousas, o persoal reiterou que non está disposto a tirar a toalla e seguirá dando a batalla até lograr unha solución que permita a readmisión dos nove compañeiros despedidos e garantías de que se vai respectar o dereito á subrogación.