O persoal de Thenaisie urxe as partes a desbloquear a situación

Reclámalle á Xunta que axilice o proceso de venda da conserveira

O Grove -

O cadro de persoal de Thenaisie, conserveira con centros de traballo no Grove e Mos, desenvolveu hoxe dúas mobilizacións en Vigo para forzar a Xunta e a dirección da empresa a desbloquear unha situación que ameaza a continuidade da compañía e dos 125 empregos directos. As protestas coincidiron coa primeira xornada de folga das tres convocadas na empresa.

As traballadoras/es levaron a cabo unha concentración diante do despacho de avogados Garrigues, que exerce como asesor de Thenaisie, para denunciar os impedimentos que se lle están a poñer á venda da empresa. Durante a mobilización, que se prolongou por espazo dunha hora, berraron consignas como “Non pode ser, que haxa comprador e Garrigues non vender”, “Garrigues, escoita, Thenaisie está en loita” ou “Fóra caciques da nosa terra”.

A continuación marcharon a pé até a delegación da Xunta, onde permaneceron outra hora concentrados diante do edificio autonómico. “Feijóo, escoita, Thenaisie está en loita”, “Queremos traballar e non emigrar” ou “Thenaisie solución” foron as consignas que máis se escoitaron.

A presidenta do comité de empresa, Rosa Domínguez, da CIG, denuncia que a posíbel solución para a empresa atópase “totalmente bloqueada” e instou o Goberno galego a “implicarse” para garantir o mantemento da actividade e de todos os postos de traballo. “Por iso precisamente nos mobilizamos diante da Xunta, porque se comprometeran a atopar unha saída, pero sucédense as reunión e todo sigue igual”, sinala.

Segundo explica, Scandia Food, o grupo romanés propietario de Thenaisie recoñece que non pode dirixir a empresa, “pero tampouco se fai a un lado para que poida facerse cargo un inversor”. Por iso aposta por unha solución política para reconducir unha situación “que está peor agora que hai tres meses, porque daquela tiñamos un comprador galego que contaba co apoio do comité, pero as esixencias do grupo propietario é inasumíbel e tivo que renunciar”.

Protesta no Parlamento

De feito, lembra que a propia dirección da empresa tiña contactos cunha conserveira interesada na adquisición. “Como o tiñan moi avanzado decidimos atrasar tres días a convocatoria de folga, pero cando chegamos á Xunta atopámonos que ninguén fixera nada, nin foran capaces de reunirse co conserveiro”.

Por todo isto, este mércores as traballadoras/es desprazaranse a Santiago para manter unha xuntanza cos distintos grupo políticos con representación no Parlamento, ao tempo que desenvolverán unha concentración ás portas do edificio a partir das 10:00 horas. “Hai que presionar a Xunta para que desbloquee a situación, porque Thenaisie é viábel e non pode desaparecer porque suporía a perda de arredor de 300 empregos, entre fixos e eventuais”.

Finalmente, adiantou que o vindeiro mércores manterán unha nova reunión coa Xunta e amosou o seu desexo de que “non sexa outro paripé” e de que “polo menos teñan algo enriba da mesa”. “O que está claro é que imos seguir na loita até que saibamos en que situación imos quedar as traballadoras/es”.

Volver