• 20-10-03_Protesta_Thenaisie_Foro_La_Toja_02.jpeg
  • 20-10-03_Protesta_Thenaisie_Foro_La_Toja_01.jpg
  • 20-10-03_Protesta_Thenaisie_Foro_La_Toja_03.jpeg

O persoal de Thenaisie mobilízase no “Foro La Toja” para visibilizar o conflito

Intentaron sen éxito que os recibise o presidente do Goberno

O Grove -

O cadro de persoal da conserveira grovense Thenaisie aproveitou a celebración do “Foro La Toja” para mobilizarse co obxectivo de visibilizar o seu conflito laboral, ao tempo que intentaron ser éxito seren recibidos polo presidente do Goberno español.

Un grupo de traballadoras/es desenvolveu unha concentración na mañá deste sábado fronte ao establecemento hoteleiro onde se celebraba un foro no que participaron dirixentes políticos e empresariais para analizar o contexto derivado da pandemia da covid.

Custodiadas/os en todo momento por un amplo dispositivo policial, despregaron unha faixa na que se podía ler “Salvemos Thenaisie” e berraron consignas reclamando unha solución para a compañía que permita o mantemento do emprego.

Tras case dúas horas de protesta abandonaron o lugar sen seren recibidas/os por ninguén, a pesar de que a súa intención era manter un encontro co presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, que foi o encargado de clausurar o foro.

A representación do persoal está a intensificar nos últimos dúas as xestións na busca dunha solución que evite a liquidación da empresa. O pasado xoves mantivo unha xuntanza coa administración concursal que rematou sen grandes novidades. “Dixéronnos que houbo dúas impugnacións ao informe concursal, o que vai atrasar a entrada na segunda fase, a de liquidación”, explica Rosa Abuín, da FGAMT-CIG do Salnés. “Tamén nos confirmaron que non teñen ningunha oferta de compra sobre a mesa”, sinala.

Hoxe mesmo manterá unha reunión co Igape e coa directora xeral de Pesca en Santiago, mentres que este mércores día 7 o grupo parlamentario do BNG tramitará unha pregunta para coñecer as xestións que se están a realizar dende a Xunta para evitar a desaparición da compañía.

Volver