O persoal de Tivaygasa mobilízase polo cobro do seus salarios e na defensa dos seus empregos

A empresa non abonou a nómina de agosto e vén de comunicar o peche da planta de Guitiriz
Guitiriz - 19 Set 2025

Os traballadores e traballadoras de Tivaygasa mobilizáronse este venres na planta de Guitiriz para reclamar o cobro dos seus salarios e un plan de viabilidade que garanta o mantemento dos empregos, ante o anuncio de peche feito pola empresa esta mesma semana.

Nestes momentos, a empresa aínda non abonou a nómina de agosto ao seu persoal e dende que hai dous días comunicara a intención de pechar a factoría de Guitiriz, non se produciu ningunha nova notificación ou contacto por parte da dirección.

Afonso Losada, da CIG-Industria de Lugo-A Mariña, sinala que xa solicitou unha reunión “para que nos trasladen as contas de 2024 e dos primeiros trimestres deste ano, que nos clarifiquen a verdadeira situación da empresa, se van entrar en concurso de acredores, presentar un ERE de extinción, etc.”.

Hai que lembrar que, segundo informou o xerente, a mala situación económica debido ás débedas que acumula a empresa, sería a razón pola que se tomou a decisión de pechar. Neste senso, Losada matiza que a factoría de Guitiriz (dedicada ao mantemento integral das bombonas de butano de Repsol e Cepsa, así coma as xaulas nas que se transportan) “ten unha actividade continua e hai material abondo para sacar e facturar”.

Por iso, engade, non se entende como se chegou á situación actual e reclama “que se explore a posibilidade da venta para asegurar ao continuidade da actividade e a salvagarda dos 20 postos de traballo”.

Á espera de que a empresa responda á solicitude de reunión, a próxima semana o persoal avaliará novas accións e que medidas levar adiante para exixir o cobro dos salarios e na defensa dos postos de traballo.