O persoal de TUSSA mobilízase en demanda dun convenio que unifique as condicións laborais

Desenvolveu unha concentración diante da nova estación intermodal de Santiago

Santiago -

O cadro de persoal de TUSSA, empresa municipal de mobilidade de Santiago, desenvolveu hoxe unha concentración diante da pasarela da nova estación intermodal para denunciar que tras dous anos segue sen asinarse un convenio colectivo que unifique as condicións laborais.

Dende o comité de empresa explican que na actualidade conviven tres convenios diferentes (o galego de Aparcadoiros, o provincial de Oficinas e Despachos e o antigo convenio da empresa Setex Aparki). “Hai máis de tres anos que existía un compromiso municipal para as bases da súa sinatura”, lembran, ao tempo que reclaman que rematen os atrasos e a falla de vontade negociadora.

Con esta concentración queren amosar o "cansazo e enfado" dos traballadores/as ante o que consideran falla de vontade para cumprir o mandato do consello de administración de TUSSA, na que se acordara impulsar a sinatura do primeiro convenio que unificase as condicións de traballo.

Critican a “anomalía” que supón esta situación de diferenzas nas condicións laborais e salariais do persoal e demandan que se unifique nunha única norma laboral. “Hai tres anos comezamos un camiño para igualar as condicións e negociar un convenio de empresa que dera seguridade xurídica a todas as partes”. A primeira parte fíxose, ao seu entender, satisfactoriamente no ano 2019, dando un primeiro paso para equiparar economicamente e a xornada laboral de todo o persoal.

“Pero logo na negociación do convenio houbo un cambio de marcha e evidenciouse a escasa vontade por rematar a negociación”. Foi tras as reunións do comité de empresa cos grupos municipais e despois de levar o te,a ao pleno do concello que a mesa negociadora se volveu reunir no mes de xuño tras estar paralizada desde febreiro de 2020.

Suba salarial pendente

Desde o comité de empresa non entenden tanta demora e din que hai moitos meses que a actividade da empresa funciona ao 100%. “Urxe rematar esta negociación, xa que na actualidade son moi diferentes os dereitos e as remuneracións, destacando as peores condicións dos traballadores/as que estaban en TUSSA antes da municipalización da grúa e da ORA”.

Neste sentido, lembran que aínda se lles acaba de aplicar a suba salarial de 2021 e que está pendente a de 2020. Denuncian tamén que coa cantidade de cousas que pasaron neste último ano, nomeadamente aquelas que lles afectan directamente -como a mudanza para a nova estación de autobuses, a reestruturación do servizo de guindastre, agresións no guindastre, a negociación do convenio colectivo, a suba anual ou o “multamóbil”- teñan información antes polos medios de comunicación que pola empresa.

Finalmente, anuncian que no caso de non producirse un acordo en próximas datas continuarán coas mobilizacións, sen descartar ningunha medida de presión ante o que consideran un “abandono” por parte dos responsábeis municipais.

Volver