O persoal de Ullastres clama pola subrogación tras perder o contrato de mantemento con Naturgy

Desenvolveu unha mobilización diante da compañía eléctrica en Vigo

Mos/Vigo -

O cadro de persoal de Ullastres, subcontrata de Naturgy (antiga Unión Fenosa) con sede en Mos, protagonizou hoxe unha mobilización diante da sede da compañía eléctrica en Vigo para esixir a subrogación de 40 empregos tras o anuncio de que a empresa á que pertencen deixará de facer labores de mantemento, lectura e instalación de contadores para Naturgy.

Os traballadores/as da subcontrata desenvolveron unha concentración ás portas das instalacións de Naturgy en Vigo (Travesía, 204) de 11:00 a 12:00 horas para reclamar pasar a formar parte da empresa que se faga cargo do servizo a partir do próximo 31 de outubro, ou en todo caso que sexa Naturgy a que asuma a súa contratación.

Durante a protesta aproveitaron para cruzar en repetidas ocasións o paso de cebra situado nas inmediacións, o que provocou breves interrupcións do tráfico.

Dende a CIG-Industria de Vigo explican que Ullastres vén de comunicarlle á representación do persoal que perderon o contrato de mantemento con Naturgy para a zona norte, o que deixa no aire un total de 40 empregos. Na central lembran que o convenio do metal da provincia de Pontevedra establece a subrogación do persoal das empresas públicas, pero non o das privadas, “tal e como vimos reclamando dende a CIG”.

Por iso entenden que se debe garantir o dereito destes/as traballadores/as a manter o seu posto de traballo, ou mediante a subrogación directa por parte da nova empresa que asumirá o servizo en novembro ou sendo Naturgy a que se faga cargo deles/as.

Volver