O cadro de persoal de Ullastres, subcontrata de Naturgy, mobilizarase para esixir a subrogación tras perder o servizo

O mantemento, lectura e instalación de contadores serán asumidos por outra compañía, o que deixa 40 empregos no aire

Mos -

O cadro de persoal de Ullastres, subcontrata de Naturgy (antiga Unión Fenosa) con sede en Mos, decidiu convocar mobilizacións para esixir a subrogación de 40 empregos tras o anuncio de que a empresa deixará de facer labores de mantemento, lectura e instalación de contadores para a compañía eléctrica.

Os traballadores/as da subcontrata desenvolverán unha concentración diante das instalacións de Naturgy en Vigo (Travesía, 204) o vindeiro mércores día 28 a partir das 11:00 horas para reclamar pasar a formar parte da empresa que se faga cargo do servizo a partir do próximo 31 de outubro, ou en todo caso que sexa Naturgy a que asuma a súa contratación. 

A protesta será este mércores 28 diante de Naturgy en Vigo ás 11:00

Dende a CIG-Industria de Vigo explican que Ullastres comunicoulle onte á representación do persoal que a partir desa data perden o contrato de mantemento con Naturgy para a zona norte, o que deixa no aire un total de 40 empregos. Na central lembran que o convenio do metal da provincia de Pontevedra establece a subrogación do persoal das empresas públicas, pero non o das privadas, “tal e como vimos reclamando dende a CIG”.

Por iso entenden que se debe garantir o dereito destes/as traballadores/as a manter o seu posto de traballo, ou mediante a subrogación directa por parte da nova empresa que asumirá o servizo ou sendo Naturgy a que se faga cargo deles/as.

Volver