O persoal de Unitono en Ourense continúa coa súa campaña para evitar a deslocalización

As traballadoras/es desenvolveron mobilizacións e distintas xestións institucionais
Ourense - 06 Mai 2019

O cadro de persoal de Unitono, compañía do sector dos centros de chamadas con sede en Ourense, continúa coa súa campaña de mobilizacións e xestións institucionais para rexeitar os plans de deslocalización que poñen en risco máis de 130 empregos.

Un grupo de traballadores/as desenvolveu unha concentración diante da Subdelegación do Goberno coincidindo coa celebración do 1º de Maio, Día Internacional da Clase Obreira. Os afiliados/as da CIG participaron a continuación na manifestación convocada pola central.

Con anterioridade, unha representación do comité de empresa estivo na sede da Deputación de Ourense e do Parlamento galego durante a aprobación dunha declaración institucional e dunha proposición non de lei para rexeitar a deslocalización e apoiar a loita das empregadas/os.

Dende a representación sindical lembran que a empresa abriu unha plataforma en Reus que asumirá a atención ao cliente de Naturgy, servizo do que dende hai 10 anos se encarga o persoal galego -Unitono en Ourense e Teleperformance na Coruña- e que nos últimos tempos está a ser desviado tamén a centros de traballo de Xerez e Colombia.