O persoal de Urxencias do CHUS mobilízase por unha sanidade pública segura para persoal e doentes

Demandan máis persoal e o cumprimento da normativa en materia de prevención
Compostela - 09 Mar 2021

O persoal de Urxencias do Hospital Clínico Universitario de Santiago mobilizouse novamente este martes para denunciar a falta de resposta da Xerencia á problemática do servizo derivada da pandemia da COVID-19. Unha situación á que agora engaden o aumento de afluencia doutras patoloxías, nun servizo que segue manténdose nunha situación caótica.

O persoal do servizo de Urxencias vén denunciando, desde que comezou a pandemia da COVID-19 unha falta de previsión e unha improvisación continuada. Por mor desta situación, e diante da falta de resposta da xerencia da área sanitaria aos seus escritos e solicitudes de reunión, concentrábanse o pasado día 15 de febreiro ás portas da unidade.

Tampouco con esa concentración conseguiron respostas, máis alá de que, por fin, se lles proporcionaran máscaras FFP2 para traballar. Por iso volveron a concentrarse este martes. “Entendemos que o tempo de espera desde a concentración anterior foi máis que prudencial e pon claramente de manifesto a nosa intención de escoitar e colaborar nun mellor funcionamento do Servizo”.

A súa denuncia é clara. O que queren é melloras estruturais, persoal suficiente e un Plan Funcional que acabe coa precariedade das condicións nas que traballan e atenden ás e aos doentes. Lembran que o servizo de Urxencias é a porta de entrada da gran maioría dos casos Covid-19, malia o que “seguimos sen ter os espazos necesarios para unha atención segura, para nós e os pacientes”. 

Denuncian ademais a absoluta falta de intimidade das persoas que son atendidas no servizo, que poden oír e ver o que ocorre co resto das/os doentes.

Aseguran que a pesar de que no verán se levou a cabo unha ampliación do servizo en 40 camas, as e os doentes seguen pasando as horas nas camillas e que “non se contemplou a necesidade de melloras para atención na zona covid, nin sequera uns vestiarios seguros para o persoal”, nos que conflúen “limpos e contaminados” en cada quenda. 

Persoal suficiente para garantir unha atención digna

Xunto a isto afirman que non se procedeu á ampliación dos cadros de persoal, tal e como recomenda o Ministerio de Sanidade e a normativa de riscos laborais. “Pola contra vémonos obrigados a facer quendas a maiores”, denuncian. Como tampouco foron reforzadas os cadros de persoal de limpeza. Algo que consideran imprescindible nunha pandemia.

Lamentan que lonxe de se dar solución ás necesidades básicas do servizo, a Xerencia atenda cuestións que non teñen prioridade mentres segue se se garantir unha asistencia, en situación de pandemia, o máis segura posible para profesionais e doentes”.