O persoal de Urxencias do Clínico rexeita a proposta da Xerencia e convoca un peche de 24 horas

Concentraranse mañá mércores no Sergas e anuncian manifestación en Compostela o 9 de xaneiro
Compostela - 04 Dec 2018

O persoal de Urxencias do Hospital Clínico que vén desenvolvendo paros desde hai catro semanas rexeitou onte, en asemblea, a proposta presentada pola Xerencia do complexo. Ademais acordou intensificar as mobilizacións e anuncia un peche de 24 horas no hospital para o día 19 de decembro, concentración mañá mesmo diante do Sergas e unha manifestación en Compostela o día 9 de xaneiro.

A primeira hora deste luns celebrábase unha xuntanza entre o comité de folga e a Xerencia do CHUS na que esta ratificaba a súa proposta de incremento de persoal para reforzar o servizo: 2 médicos/as, 5 enfermeiros/as e 5 auxiliares de enfermaría.

Como novidade, propuña o peche dunha parte do servizo. En concreto de 10 ocos de sillóns que se abrirían cando fose necesario con persoal alleo ao servizo.

Tras da xuntanza o persoal concentrábase diante do servizo de Urxencias desde onte, como en ocasións anteriores, saíron en manifestación até a a entrada principal do Hospital Clínico.

Ao remate da mobilización celebrábase unha asamblea de traballadores/as na que o comité de folga trasladou a proposta da Xerencia, que foi rexeitada. Segundo explica Camilo Agulleiro, presidente da Comisión Especializada e do comité de folga, “todos os traballadores e traballadoras reclaman que  todos os ocos do servizo de urxencias deben estar abertos e dotados de persoal”.

Por iso acordaron facer un peche de 24 horas o día 19 de decembro no Hospital Clínico e unha manifestación por Santiago o día 9 de xaneiro. Ademais, mañá mesmo celebrarán unha concentración diante do SERGAS ás 12:00horas.