O persoal de Urxencias do Clínico seguirá coa folga indefinida até que se atendan as súas demandas

O 92,48% das/os participantes rexeitan as propostas da Xerencia
Compostela - 14 Xan 2019

O persoal de Urxencias do Hospital Clínico do CHUS participou hoxe masivamente na votación na que tiñan que decidir se aceptaban, ou non, a última proposta de incremento de persoal presentada pola Xerencia. A inmensa maioría das/os participantes, o 92,48%, dixeron non. Así as cousas, a comisión de centro anuncia que a folga seguirá até que nons e atendan as súas demandas.

Das/os 203 traballadoras/es de Urxencias, participaron no proceso de votación un total de 173, o 85,22%. A favor da Xerencia só houbo 12 votos e 1 abstención. O resto rexeitaron a proposta. Por iso o presidente da Comisión de Centro, Camilo Agulleiro afirma que “Vistos os resultados os traballadores/as ratifican que queren seguir coa folga e a xerencia esta obrigada a presentar outra proposta que satisfaga as reinvindicacións dos traballadores”.

A comisión de centro leva tempo reclamando que se adopten medidas no servizo de Urxencias, “para ofertar á cidadanía unha atención digna e de calidade, acorde coa cidade á que representa e que nestes momentos está moi lonxe de acadar eses parámetros, tanto para profesionais como para os usuarios/as”.

E é que, en esencia, o que queren é a dotación do servizo con suficiente de persoal en todos os colectivos (médicas/os, enfermeiras/os, TCAEs e celadores/as) para atender o volume de urxencias que entran pola porta.

Ademais demandan a elaboración de protocolos para a asistencia de pacientes pendentes de ingreso mentres permanezan na unidade, minimizando tempos de estancia na mesma e adecuación de tratamentos; unha axeitada xestión do servizo e a priorización das interconsultas que se xeran en urxencias, necesario para dotar de dinamismo a atención dos pacientes, evitando retrasos que levan a situacións de tensións e reclamacións facilmente evitables.

Porén a Xerencia só presentou unha proposta de incremento de persoal – 5 enfermeiros/as, 5 auxiliares e 2 médicas/os máis-.