O persoal de Vitrasa acusa o Concello de Vigo de discriminación na blindaxe contra os ERTE

Tras o anuncio de que 238 traballadores de servizos municipais manterán emprego e soldo

Vigo -

O comité de empresa de Vitrasa, concesionaria do servizo de transporte urbano do Concello de Vigo, acusa o Goberno local de discriminación despois de que o alcalde anunciase que “blindaría” dos ERTE a 238 traballadores/as dos servizos municipais, que manterán emprego e soldo. Dende a representación do persoal consideran que a medida supón un agravio comparativo para os condutores/as “porque entendemos que temos o mesmo dereito que o resto de adxudicatarias”.

Lembran que Vitrasa presentou un ERTE “inxusto e ilegal” o primeiro día de declaración do estado de alarma “que a día de hoxe está a provocar unha diminución considerable dos salarios do cadro de persoal de condución”. Deste xeito, sinalan que unha vez máis o colectivo de condutores/as do servizo de autobús urbano é discriminado respecto do resto de traballadores/as doutros servizos municipais, que si percibirán os seus soldos íntegros. 

O alcalde preocúpase por nós só para facerse a foto na cea de empresa anual”

“Sentímonos desprotexidos/as, por non falar de que a adopción desta medida supón un agravio comparativo con outros colectivos dependentes do Concello”. Ao mesmo tempo, censuran que o alcalde “se preocupe por nós unicamente á hora de vir facerse a foto na cea de empresa anual”.

Finalmente, adiantan que non van permitir que se lles trate como a un colectivo “de segunda clase” xa que “entendemos que temos o mesmo dereito que o resto de adxudicatarias”.

Volver