O persoal de Vitrasa aproba ir á folga os días 3, 6, 7 e 8 de agosto ante os reiterados incumprimentos do convenio

Denuncian o exceso de xornada, a falta de descanso ou os atrasos salariais
Vigo - 27 Xul 2021

A asemblea de traballadores e traballadoras de Vitrasa (concesionaria do transporte urbano de Vigo) aprobou un calendario de folgas para esixir solucións inmediatas ás problemáticas que o comité leva meses denunciando. As xornadas de folga desenvolveranse os días 3, 6, 7 e 8 de agosto, aínda que a representación social xa adiantou "que non se descarta continuar as mobilizacións posteriormente con paros parciais e xornadas de folga en datas aínda por determinar".

Con estas mobilizacións aprobadas na asemblea celebrada o 24 de xullo por ampla maioría (107 votos a favor, 5 en contra e 3 en branco), preténdese mudar a traxectoria da empresa "que nos últimos tempos está creando bastante crispación nos traballadores e traballadoras". O comité valora moi positivamente a alta porcentaxe de aprobación das mobilizacións, "o que demostra o grao de insatisfacción do cadro de persoal".

Xornadas de condución de até 10 horas seguidas

O presidente do comité, Imanol Arnoso (CIG), explica algunhas das razóns polas que se promoven estes paros: xornadas interminables que chegan a ser de até 10 horas seguidas de condución, falta de descanso dentro da propia xornada, situacións de estrés estremo ao volante, incumprimentos de convenio por parte da empresa, a negativa da dirección a negociar un convenio caducado e incluso dous atrasos no abono das nóminas nos últimos seis meses. 

O desleixo da concesionaria é tal, engade, "que mesmo se nega a colocar uns armarios nos que o persoal de condución poida ter a roupa de recambio e os seus obxectos persoais".

Chamamento á responsabilidade do Concello de Vigo

Doutra banda, o comité fixo un chamamento ao Concello de Vigo polo inmobilismo amosado ante os incumprimentos reiterados por parte da empresa, "como son o impago dos salarios ou dar un servizo deficiente que deixa pasaxeiros/as nas paradas a pesar de ter autobuses parados nas cocheiras". Incumprimentos aos que o Concello, "como adxudicador da concesión, debería requirir que se dea unha solución inmediata".