O persoal de Vitrasa en folga traslada as protestas ao Concello para forzar a intervención do alcalde

Os paros pasarán a ser indefinidos o 13 de decembro se a empresa non introduce melloras laborais
Vigo - 27 Nov 2021

Os traballadores/as de Vitrasa, concesionaria do servizo de transporte urbano do Concello de Vigo, trasladaron onte venres as mobilizacións ao consistorio para forzar a intervención do alcalde no conflito laboral que os levou a convocar folga dende o pasado 19 de novembro. Os paros pasarán a ser indefinidos a partir do vindeiro 13 de decembro no caso de que a empresa continúe negándose a aceptar as melloras nas condicións de traballo que reclama o comité.

Un nutrido grupo de condutores/as concentrouse diante do Concello ás 11:00 horas tras chegar andando dende as instalacións da compañía na estrada de Camposancos, para dirixirse a continuación á pinacoteca Fernández del Riego, a onde estaba previsto que acudise o alcalde.

Alí permaneceron un bo rato berrando consignas como “Menos luces e máis autobuses” ou “Abel, reacciona, Vitrasa non funciona” mentres agardaban a chegada do rexedor, visita que finalmente non se produciu. Entón regresaron ás portas do consistorio, onde continuaron coa protesta até o mediodía.

O presidente do comité, Imanol Arnoso, da CIG, compareceu diante dos medios de comunicación para explicar que coa mobilización pretenden forzar o Goberno local e o propio alcalde a que se posicionen e intermediña coa empresa, “que leva un ano sen vontade algunha de negociar e de atender as nosas demandas”.

Falta de descanso e exceso de xornada

Arnoso sinalou a responsabilidade do Concello no conflito, tendo en conta que cada ano a empresa recibe máis de 13 millóns de euros, e ademais este ano ingresou outros seis millóns máis polas perdas derivadas da pandemia da covid. “Con estas cifras millonarias, o alcalde terá algo que dicir da política laboral da concesionaria do transporte urbano vigués”, indicou.

Finalmente, lembrou que a folga que nun principio se desenvolve os venres e os sábados -cun seguimento practicamente total- pasará a ser indefinida de luns e venres a partir do 13 de decembro no caso de que a compañía non acepte as melloras que propoñen e non remate coa falta de descanso e co exceso de xornada do persoal de condución.