O persoal de Vitrasa retomará a folga ante o rexeitamento da empresa a todas as propostas do comité

Primeiro será os venres e os sábados, e a partir do 13 de decembro pasará a ser de luns a venres de xeito indefinido

Vigo -

O comité de empresa de Vitrasa, a concesionaria do transporte urbano do Concello de Vigo, decidiu retomar a folga debido á actitude inmobilista da empresa ao longo de case un ano de negociacións. A representación do persoal amosouse flexíbel nas conversas, xa que para non reactivar as mobilizacións achegou propostas relativas unicamente á mellora das condicións de traballo (descanso durante a xornada, duración máxima da xornada diaria, tempos de percorrido, etc), deixando en segundo plano a parte económica para unha negociación posterior.

Os paros comezarán o vindeiro 19 de novembro e desenvolveranse primeiro todos os venres e os sábados, pasando a partir do 13 de decembro a ser de luns a venres de xeito indefinido, a excepción dos festivos.

A principal cuestión que imposibilita o acordo ten que ver coa demanda de que se garanta o descanso mínimo dentro da xornada

A principal cuestión que imposibilita o acordo ten que ver coa demanda da parte social de que se garanta o descanso mínimo dentro da xornada, algo que na actualidade non sucede como consecuencia das obras e do tráfico intenso. Isto está a supoñer un incremento exponencial das baixas por motivos psicolóxicos polos altos de estrés e ansiedade.

En canto aos percorridos, denuncian que son imposíbeis de cumprir, “o que sumado ás obras que hai en marcha na cidade e aos atascos que se forman provoca unha gran tensión e altos niveis de estrés ao volante, por non falar da falta de descanso que todo isto provoca”.

Outra das demandas ten que ver coa redución da xornada laboral diaria e anual para que o persoal de condución non padeza xornadas de até 10 horas diarias. Outras diferencias teñen ver coa coa contratación precaria do persoal eventual, exceso de horas extra, etc.

Volver