O persoal de Vodafone mobilizarase en Vigo e na Coruña contra o novo ERE que negocia a compañía

A medida suporá o despido duns 500 traballadores/as de tendas e oficinas no Estado, 17 deles/as en Galiza  
Vigo/A Coruña - 20 Out 2021

O comité de empresa de Vodafone -integrado por CIG, UGT, CCOO e STC- convoca mobilizacións para rexeitar o novo ERE que vén de presentar a compañía e que vai supoñer o despedimento de arredor de 500 traballadores/as de tendas e de oficinas en todo o Estado, 17 eles/as en Galiza. As protestas terán lugar este sábado día 23 en Vigo e na Coruña de 12:00 a 14:00 horas.

Segundo explica a representación sindical da CIG en Vodafone, a empresa está a negociar cos sindicatos un novo ERE tras os aplicados con anterioridade, o último deles en 2019 e que supuxo o despedimento de 1000 persoas a nivel estatal, aínda que as mobilizacións do persoal, sobre todo dos empregados/as galegos/as, conseguiron rebaixar a cifra de afectados/as e mellorar as condicións. A CIG rexeitara daquela un acordo -ao igual que agora se opón ao novo ERE- que fora asinado por UGT, CCOO e STC. 

As protestas terán lugar este sábado día 23 de 12:00 a 14:00 horas

Nesta ocasión a compañía de telecomunicacións quere desfacerse de 17 persoas máis no noso país, 10 na Coruña e 7 en Vigo. Trátase tanto de persoal de tendas (10) como de oficinas (7).

Por iso dende a central sindical chaman a participar nas concentracións convocadas este sábado día 23 diante das tendas de Gran Vía 11, en Vigo, e da Praza de Pontevedra 10, na Coruña, que se desenvolverán entre as 12:00 e as 14:00 horas. E denuncian que “unha vez máis os de arriba toman decisións inxustas e inxustificadas que afectan aos de abaixo”.