O persoal de Vulcano esixe unha solución inmediata á crise do estaleiro vigués

Reclama o desbloqueo do único barco para poder cobrar salarios pendentes e salvar industria auxiliar

Vigo -

O cadro de persoal de Vulcano mobilizouse este mércores en Vigo para esixir unha solución inmediata á grave crise que atravesa o estaleiro e que ameaza coa súa desaparición e a de algunhas empresas auxiliares. Dende o comité recláman o desbloqueo do único barco que a compañía ten nestes momentos en carteira para que os traballadores/as poidan cobrar as cinco nóminas que se lles adebedan.

Empregados/as de Vulcano e delegados/as sindicais do sector naval percorreron en manifestación a distancia entre as instalacións do estaleiro en Teis e a delegación da Xunta na cidade ao berro de “Vulcano en loita, Vulcano solución”. Antes de chegar ao edificio autonómico fixeron unha parada para concentrarse diante dunha sucursal do banco Santander, entidade encargada do financiamento do único barco que estaleiro ten en carteira na actualidade.

Ao remate da manifestación, xa diante da Xunta, o responsábel do naval da CIG de Vigo, César Rodríguez, quixo deixar moi claro que as reivindicacións a respecto de Vulcano non pasan só polo pago das cinco nóminas pendentes, “senón que estamos a falar do futuro dun estaleiro emblemático e de boa parte da industria auxiliar da Ría de Vigo”.

Con todo, asegurou que nestes momentos a prioridade é que se poida rematar o barco pendente para que o persoal poida cobrar e as empresas auxiliares non reciban “un novo golpe” que provoque a desaparición dalgunhas delas. “A partir de aquí entraríamos nun novo escenario no que habería que ver que saída ten o estaleiro, pero para iso é necesario que a Xunta se implique na súa viabilidade”.

Finalmente, denunciou que as distintas partes implicadas en Vulcano (empresa, bancos, armador e Administración) “pásanse a pelota unhas a outras” e non se poñen de acordo nunha solución que garanta o futuro do estaleiro. “E os únicos/as que realmente están a verse afectados/as por esta situación son, coma sempre, os traballadores/as”.

Volver